Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Pentágono advirte de que hoxe será "o día máis intenso" de ataques en Irán

O Pentágono advirte de que hoxe será "o día máis intenso" de ataques en Irán

O secretario de Guerra dos EUA dixo que a capacidade de resposta de Teherán se reduciu

Trump ameaza con golpear 20 veces máis forte se Irán bloquea Ormuz

Irán responde que Ormuz será un estreito de paz ou de sufrimento para os belicistas, en referencia aos EUA

G24.gal 10/03/2026 15:06

O secretario de Guerra dos EUA, Pete Hegseth, adiantou que este martes será o día máis intenso de bombardeos en Irán desde o inicio da guerra e afirmou que a capacidade de resposta de Teherán reduciuse mentres avanza a ofensiva, enfocada tamén contra a industria de defensa iraniana.

"Hoxe será, unha vez máis, o noso día máis intenso de ataques dentro de Irán: a maior cantidade de cazas, a maior cantidade de bombardeiros, a maior cantidade de ataques", dixo Hegseth nunha rolda de prensa no Pentágono.

Segundo o secretario de Defensa, "nas últimas 24 horas" a República Islámica "lanzou a menor cantidade de mísiles da que foi capaz ata o de agora".

Desde que os Estados Unidos e Israel iniciaron a operación Furia Épica o pasado 28 de febreiro, os ataques alcanzaron 5.000 obxectivos en territorio iraniano, o que resultou nun "avance significativo" na redución dos lanzamentos de mísiles e drons procedentes de Irán, afirmou o mando militar estadounidense.

O xefe do Estado Maior Conxunto dos EUA, Dan Caine, reiterou que os ataques con mísiles balísticos desde Irán manteñen "unha tendencia á baixa do 90 % respecto a cando comezaron, e os drons de ataque unidireccional diminuíron un 83 % desde o inicio da operación".

Caine informou de que comezaron a atacar "o complexo militar e industrial iraniano" centrándose en fábricas de drons kamikazes para "destruír o núcleo da súa capacidade autónoma". No medio dos bombardeos en resposta de Irán a países da rexión onde os EUA manteñen presenza diplomática e militar, o xefe militar estadounidense afirmou que seguen utilizando cazas e helicópteros de ataque para interceptar drons inimigos.

Preguntado sobre o novo líder supremo iraniano, Mojtaba Jameneí, fillo do falecido Alí Jameneí; e sobre  as súas supostas feridas en combate, Hegseth non quixo facer comentarios pero si advertiu que sería prudente que o relixioso tomase en serio as ameazas do presidente Donald Trump e non desenvolvese armas nucleares.

"Atopámonos nunha posición moi sólida", repetiu o xefe do Pentágono, quen con todo evitou dar unha predición precisa de cando poderían terminar os ataques.

O presidente estadounidense xustificou a ofensiva militar na suposta intención de Irán de "apoderarse de todo Oriente Próximo" e describiu ao país como un "tigre de papel" cuxas capacidades de defensa foron neutralizadas.

Irán responde que Ormuz será un estreito de paz ou de sufrimento

O secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional iraniana, Ali Lariyani, afirmou este martes que o estratéxico paso de Ormuz será un estreito de paz e prosperidade para todos ou de derrota e sufrimento para os belicistas, en referencia aos Estados Unidos.

“O estreito de Ormuz será un estreito de paz e prosperidade para todos ou un estreito de derrota e sufrimento para os belicistas”, dixo en X Lariyani.

A advertencia dunha das figuras políticas iraniana máis visibles nestes momentos prodúcese despois de que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, advertise onte que se Irán bloquea o fluxo de petróleo no estreito de Ormuz o seu país “golpeará 20 veces máis forte” ao Estado persa do que o fixo ata o de agora.

Este estreito concentra unha quinta parte do tráfico marítimo de petróleo mundial, ademais de ser un punto neurálxico para o transporte de gas natural, fertilizantes e outros minerais críticos.

Os ataques a petroleiros e cargueiros que circulaban por Ormuz, que deixaron xa sete mariñeiros mortos, segundo cifras da Organización Marítima Internacional, máis as ameazas persistentes da Garda Revolucionaria iraniana de continuar con eles teñen o estreito practicamente pechado ao tráfico.

Todo iso contribuíu a elevar o prezo do petróleo ata niveis que non se vían desde 2022: o luns, o barril de brent, de referencia en Europa, chegou a rozar os 120 dólares, aínda que as declaracións posteriores de Trump de que contemplaba un fin próximo á guerra tiveron un efecto tranquilizador e ao fío do mediodía cotiza a menos de 93 dólares. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade