Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump di non crer que os EUA vaian á guerra con Venezuela, pero evita falar de plans

Trump di non crer que os EUA vaian á guerra con Venezuela, pero evita falar de plans

O presidente norteamericano di que falou de desnuclearización con Xi e Putin, pero insiste en facer tests

Donald Trump descende do avión presidencial este domingo (Reuters) Donald Trump descende do avión presidencial este domingo (Reuters)
G24.gal 03/11/2025 08:02

O presidente dos Estados Unidos Donald Trump dixo este domingo non crer que os Estados Unidos vaian a unha guerra con Venezuela, pero eludiu confirmar ou desmentir se o seu Goberno ten plans de ataque, tanto nunha entrevista con CBS como en declaracións á prensa.

Nunha entrevista no programa 60 Minutes de CBS, foi consultado sobre se os EUA van á guerra con Venezuela. Trump contestou: "Dubídoo. Non o creo. Pero tratáronnos moi mal", tras o que mencionou o tráfico de drogas e a inmigración ilegal de criminais venezolanos ao seu país.

Posteriormente, ao ser consultado pola xornalista Norah O’Donnell sobre posibles ataques dos Estados Unidos a obxectivos en territorio venezolano, Trump respondeu que non quería dicir se é verdade ou non e engadiu que non lle revelaría a unha reporteira se vai atacar ou non.

Previamente, ao descender do Air Force One e ser preguntado por posibles plans concretos dos Estados Unidos para un ataque a Venezuela, respondeu de maneira similar.

"Como podo responder unha pregunta como esa? Hai plans dun ataque en Venezuela? Quen diría iso? Supoñendo que os houbese, diríallo eu a vostede, honestamente? Si, temos plans. Temos plans moi secretos", dixo, criticando de novo a pregunta.

"Mire, xa veremos o que pasa con Venezuela", afirmou, tras o que retomou o argumento de que o Goberno de Venezuela enviou miles de persoas de cárceres, institucións mentais, e adictas ás drogas.

Na entrevista de CBS, apertado sobre a presenza dun portaavións, en referencia ao USS Gerald Ford, que é o máis grande e sofisticado e pode suxerir unha operación aérea, Trump contestou con ironía que ten que estar en algures, é moi grande.

Xeralmente, Trump interrompeu a xornalista falando sobre inmigración cada vez que tentaba retomar as preguntas e evitou dar respostas concretas, aínda que consultado por se o presidente de Venezuela Nicolás Maduro ten os días contados, foi rápido: "Diría que si, creo que si".

Trump e o seu secretario de Estado Marco Rubio negaron o venres que os Estados Unidos estean a prepararse para atacar a Venezuela, pese ao indiscutible incremento da presión militar sobre Caracas. 

O presidente norteamericano di que falou de desnuclearización con Xi e Putin, pero insiste en facer tests

Na mesma entrevista na CBS, Trump dixo que falou de desnuclearización cos seus homólogos da China e Rusia, Xi Jinping e Vladimir Putin, pero insistiu en que os EUA deben probar as súas armas nucleares para saber se funcionan.

"Temos máis armas nucleares que calquera outro país. Rusia é o segundo. A China é un terceiro distante, pero estarán igualados en cinco anos. Fabrícanas rápido e creo que deberiamos facer algo sobre desnuclearización", asegurou na televisión.

"En realidade, falei diso tanto co presidente Putin como co presidente Xi. A desnuclearización é unha cousa moi grande. Temos suficientes armas nucleares para voar o mundo 150 veces", afirmou, sen entrar en detalles sobre esas conversacións.

Trump, por outra banda, insistiu en que outros países están a probar as súas armas nucleares e os EUA son o único país que non fai tests, tras o que citou a Rusia e a China, asegurando que os seus gobernos non falan diso, e non se informa porque non hai liberdade de prensa neses países.

"Fas armas nucleares e non as probas. Como vas facer iso? Como imos saber se funcionan? Temos que facelo", sostivo.

Este domingo, o secretario de Enerxía Chris Wright aclarou nunha entrevista en Fox News que os tests dos que fala Trump non se refiren a explosións nucleares, que se enfocarán nas outras partes das armas e que se trata de explosións non críticas.

O pasado mércores o republicano escribiu en redes sociais que debido aos programas de probas atómicas doutros países, ordenou ao Departamento de Guerra que comece a probar armas nucleares estadounidenses en igualdade de condicións, e citou tamén a Rusia e a China.

A última detonación nuclear subterránea dos EUA realizouse en setembro de 1992 en Nevada. Desde entón, Washington realizou simulacións informáticas ou tests en que o dispositivo non alcanza a masa crítica necesaria para unha reacción nuclear en cadea. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade