Mazón anunciará este luns o seu futuro político tras as conversas con Feijóo deste domingo
As conversas de Feijoo desenvolvéronse no marco do proceso de reflexión que o president da Generalitat e do PPCV anunciou o pasado xoves, informaron fontes do PP da Comunidade Valenciana
Estas conversas anunciounas este domingo a vicesecretaria de Rexeneración Institucional do PP, Cuca Gamarra, en Logroño
Gamarra dixo que se tras as conversas "houbese algo do que informar, informarase a sociedade española e a opinión pública"
Alberto Nuñez Feijóo e Carlos Mazón nunha imaxe de arquivo. EFE/ Ana Escobar.
O president da Generalitat valenciana, Carlos Mazón, informará finalmente este luns ante os medios de comunicación das conversacións que mantivo ao longo deste domingo sobre o seu futuro político co líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.
Segundo informaron fontes do PP da Comunitat Valenciana, no marco do proceso de reflexión que o president da Generalitat e do PPCV anunciou o pasado xoves, Mazón mantivo este domingo "varias conversacións" co presidente nacional do Partido Popular.
Así mesmo, sinalaron que ao longo do luns, Carlos Mazón informará do contido destas conversacións nunha comparecencia pública.
Na mañá deste domingo coñeciamos que o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, falaría co presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, para analizar a situación política nesta comunidade.
Anunciouno a media mañá a vicesecretaria de Rexeneración Institucional do PP, Cuca Gamarra, en declaracións aos medios de comunicación en Logroño.
"Hoxe, o presidente Feijóo e Carlos Mazón manterán unha conversación sobre o contexto político da Comunidade Valenciana", dixo Gamarra no medio do debate interno aberto no PP sobre o futuro de Mazón á fronte do partido na rexión.
Indicou que nesa conversa analizarían o contexto político da Comunidade Valenciana e abordarían as necesidades desta rexión e das que ten na actualidade o PP valenciano.
Gamarra afirmou aos medios que é o único que pode comentar sobre esa conversación, que se producirá "nas próximas horas".
"Se houbese algo do que informar, informarase á sociedade española e á opinión pública".
"Nin esquezo nin perdoo", podíase ler nas camisetas dalgúns familiares das vítimas da dina. Foto: Ana Escobar.
Afectados da dina concéntranse diante do Palau da Generalitat para esixir a dimisión de Mazón
Decenas de persoas, a maioría familiares de persoas falecidas na DINA do 29 de outubro de 2024, concentráronse na tarde deste domingo diante do Palau da Generalitat para pedir a dimisión do president valenciano, Carlos Mazón.
Os concentrados, entre eles Rosa Álvarez, presidenta da Asociación de Vítimas Mortais da dina, portan carteis e camisetas coa foto dos seus familiares falecidos ou con frases como "20:11 nin esquezo nin perdoo" ou "229 falecidos 0 responsables. Valencia non esquece" e lanzaron berros como "Mazón a prisión" e "Consell dimisión".
Rosa Álvarez, pta. da Asociación de Vítimas da dina, na concentración diante da Generalitat. EFE/ Ana Escobar
A concentración produciuse de maneira improvisada e á espera do resultado da conversa prevista para este domingo entre Mazón e o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, no medio do debate interno aberto no PP sobre o futuro de Mazón á fronte do partido e do Consell.
Na zona tamén se concentraron numerosos xornalistas á espera de que se puidese producir algunha novidade sobre o futuro de Carlos Mazón.
Pancarta que amosaron os afectados da DINA cara as fiestras da Generalitat. Foto: EFE/Ana Escobar.