O PP propón dobrar a dedución por fillo no IRPF e baixar ao 10 % o IVE da enerxía
Os populares levarán ao Congreso as medidas para paliar o impacto da subida dos prezos da enerxía e retan o Goberno a levalo este martes ao Consello de Ministros
Arquivo TVG
O Partido Popular propoñerá no Congreso un paquete de medidas para paliar o impacto da subida dos prezos da enerxía, entre as que está duplicar a dedución por fillo no IRPF, baixar un 10 por cento o IVE da enerxía e suprimir o imposto de xeración eléctrica.
Segundo fontes do PP, Alberto Núñez Feijóo referirase a este asunto na súa intervención deste luns en Riaza, no marco da campaña electoral ás eleccións de Castela e León, despois de que o vicesecretario de Economía do PP, Juan Bravo, amplíe esta información este luns pola mañá a través da súa conta en X e o explique no acto que ten en Burgos.
Fontes populares argumentan que os españois levan perdendo poder adquisitivo desde que goberna Pedro Sánchez, xa que os salarios reais non soben mentres que os impostos si que o fan.
E agora, engaden, o incremento dos prezos da enerxía empeora aínda máis a situación das familias, polo que consideran que non é tempo de slogans, senón de propostas.
Impacto de 200 euros no IRPF e aforro mensual de 78 euros en enerxía
Neste sentido, o PP propón revalorizar o salario dos españois, e especialmente das familias con fillos, a través do IRPF. Para iso, quere reformar o IRPF duplicando os mínimos vitais por fillo a cargo e pola actualización dos tramos. Consideran que todo iso terá un impacto aproximado de 200 euros de media por contribuínte.
A isto engaden a proposta de baixar ao 10 por cento o IVE da enerxía a todos os consumidores nun momento de subida do prezo de gas e petróleo e suprimir o imposto de xeración eléctrica.
Segundo estas fontes do PP, todas as medidas xuntas supoñen para un fogar medio (2 adultos e dous fillos) un aforro duns 75 euros ao mes, case 900 euros ao ano.
O seu lema é Si aos españois
A súa intención é levar estas medidas ao Congreso para analizar o seu apoio co resto de grupos, pero retan ao Goberno a adiantarse e levalas este martes ao Consello de Ministros porque as consideran de urxente aplicación, xa que as clases medias sempre son as que acaban pagando a factura de todas as crises nacionais e internacionais.
E dado que o lema de Pedro Sánchez fronte aos ataques dos EUA e Israel contra Irán é o Non á guerra o PP avisa de que eles teñen outro lema e é Si aos españois.