A Fiscalía di que "neste momento" non hai indicios suficientes para imputar a Mazón
Solicita ao Tribunal Superior de Xustiza valenciano a devolución do procedemento ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Catarroja para que continúe coa investigación
Mazón compareceu na comisión de investigación da dina en Les Corts. EFE
A Fiscalía Superior da Comunidade Valenciana considera que “neste momento non se conta con datos ou indicios con suficiente solidez para xustificar a imputación" do expresident Carlos Mazón na causa da dina.
A Fiscalía solicita ao Tribunal Superior de Xustiza valenciano a devolución do procedemento ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Catarroja para que continúe coa investigación, segundo informa nun comunicado.
Faino nun informe en que se pronuncia sobre a exposición razoada que a maxistrada de Catarroja, Nuria Ruiz Tobarra, elevou á Sala do Civil e Penal do TSJ da Comunidade Valenciana, no que a xuíza considera que hai indicios de responsabilidade penal contra Mazón pola xestión da dina.
No seu informe, a Fiscalía di que "non pode obviarse que ao longo do procedemento se poidan producir declaracións " ou que "poidan aparecer elementos documentais que puidesen avalar a tese de que o expresident da Generalitat Valenciana dese ordes ou instrucións concretas e referidas á xestión da emerxencia do 29 de outubro de 2024".
A Fiscalía non descarta unha "eventual responsabilidade penal" do expresidente da Generalitat Valenciana, pero considera que "neste momento, non se conta con datos ou indicios con suficiente solidez para xustificar" esa imputación.