Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump tacha de "grave erro" a elección de Mojtaba Khamenei como líder supremo de Irán

Trump tacha de "grave erro" a elección de Mojtaba Khamenei como líder supremo de Irán

"Terá que obter a nosa aprobación", dixo Trump nunha entrevista coa cadea ABC News: "Se non a obtén, non durará moito"

G24.gal 09/03/2026 19:49 Última actualización 09/03/2026 20:25

 O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, cualificou de "grave erro" a elección de Mojtaba khamenei como novo líder supremo de Irán, vista como un desafío de Teherán no medio da guerra de Washington e Israel contra a nación persa.

"Creo que cometeron un gran erro. Non sei se durará. Creo que cometeron un erro", dixo Trump á cadea NBC sobre o novo dirixente iraniano, fillo de Alí khamenei, o aiatolá que se mantivo no poder por máis de trinta anos e foi asasinado durante os primeiros ataques da operación 'Furia Épica' o pasado 28 de febreiro. 

O mandatario estadounidense, que xa cualificara ao relixioso de 56 anos de "peso lixeiro", dubidou a semana pasada sobre a permanencia no poder dun novo líder supremo que non contase co seu visto e prace.

"Terá que obter a nosa aprobación", dixo Trump nunha entrevista coa cadea ABC News. "Se non a obtén, non durará moito", advertiu o republicano, quen non descartou aceptar un sucesor vencellado ao antigo réxime dos aiatolás sempre que sexa un "bo líder".

Mojtaba Khamenei foi elixido o domingo como terceiro líder do sistema sacro da República Islámica de Irán para "evitar que o país quede sen liderado". A Garda Revolucionaria, o corpo militar máis poderoso do país, expresou a súa lealdade e saudouno lanzando unha onda de ataques no seu nome.

Os Estados Unidos e Israel lanzaron un operativo militar a grande escala que xa entra na súa segunda semana con sucesivos bombardeos a obxectivos dentro de Irán que resultaron na morte de Alí Khamenei, parte da cúpula militar iraniana e centos de civís, entre eles nenos.

Teherán respondeu con ataques ás embaixadas e bases militares estadounidenses en países da rexión, entre eles Kuwait e Arabia Saudita, nos que morreron polo menos sete militares norteamericanos.

Trump xustificou a ofensiva militar na suposta intención de Irán de "apoderarse de todo Oriente Medio" e describiu ao país como un "tigre de papel" cunhas capacidades de defensa que foron neutralizadas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade