Xuízo histórico no TS: O fiscal xeral do Estado senta desde este luns no banco dos acusados
Álvaro García Ortiz senta no banquiño como único acusado dun delito de revelación de segredos; presuntamente filtrou un correo no que o avogado da parella de Díaz Ayuso recoñece que defraudara cartos a Facenda
García Ortiz enfróntase a unha condena de ata 6 anos de cárcere, 12 de inhabilitación e un desembolso de máis de 400.000 euros
A Fiscalía pide ao Supremo absolver ao fiscal xeral do delito de revelación de segredos
Álvaro García Ortiz sentará desde este luns ata o 13 de novembro no banco dos acusados, converténdose no primeiro fiscal xeral do Estado en ser xulgado. Farao o Tribunal Supremo (TS) por feitos presuntamente cometidos no exercicio do seu cargo. Acúsaselle de filtrar un correo electrónico que deixou ao descuberto as negociacións de Alberto González Amador, noivo da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, con Fiscalía para chegar a un acordo no caso por un fraude fiscal.
Álvaro García Ortiz continúa no seu cargo como fiscal xeral do Estado e mañá luns escoitará como a acusación pide para el ata 6 anos de cárcere, 12 de inhabilitación e un desembolso superior a 400.000 euros.
A Fiscalía pide ao Supremo absolver ao fiscal xeral do delito de revelación de segredos
Sete maxistrados de maioría conservadora, catro homes e tres mulleres, conforman o tribunal que xulgará a un fiscal xeral do Estado, por primeira vez en España. O tribunal vai estar presidido polo presidente da Sala do Penal, Andréz Martínez Arrieta e polo xuízo desfilarán ata 40 testemuñas, en sesións de mañá e tarde.
Entre as testemuñas que van declarar están políticos, como o xefe de gabinete de Isabel Díaz Ayuso, Miguel Ángel Rodríguez, a número dous do PSOE-M, que tamén foi un cargo de Moncloa, Pilar Sánchez Aceira, outros fiscais, xornalistas ou os gardas civís que, por primeira vez na historia, rexistraron o despacho do fiscal xeral por orde dun xuíz.
Está previsto que García Ortiz entre pola porta princial e se sente no estrado, con toga, canda os seus avogados
González Amador acudindo a declar aos xulgados. Foto: EFE/Sergio Pérez
As declaracións máis agardadas: García Ortiz vs González Amador
Este luns, o primeiro día de xuízo oral vai estar centrado na presentación das acusacións e defensa por parte dos letrados. O martes día 4 será unha das declaracións máis agardadas, a de Alberto González Amador. Despois haberá que agardar ata o 12 de novembro para escoitar a versión de Álvaro García Ortiz.
Dentro da sala do Supremo, no Pazo das Salesas, está previsto que presencien este xuízo histórico 50 persoas de público, amais de 200 xornalistas que xa están acreditados.
Cronoloxía dunha suposta filtración
13 de marzo de 2024, 21:29 horas:
O detonante deste xuízo que senta no banco dos acusados ao fiscal xeral do Estado foi a publicación que fixo o diario 'El Mundo' ás 21:29 horas do 13 de marzo de 2024: 'A Fiscalía ofrece á parella de Ayuso un pacto para que admita dous delitos fiscais mentres xudicializa o caso'. titulaba o artigo. Esta información, segundo describiu o maxistrado instrutor, Ángel Hurtado, desatou un "frenético intercambio" de mensaxes e chamadas no seo da Fiscalía pero tamén unha intensa actividade nos medios de comunicación para verificala.
Segundo o maxistrado instructor, García Ortiz púxose en contacto coa xefa da Fiscalía Provincial de Madrid, Pilar Rodríguez, para que tentase solicitar de Julián Salto, o fiscal do caso contra González Amador por delitos fiscais, a cadea de correos electrónicos que se intercambiou con Carlos Neira, o avogado do empresario nesa mesma causa.
Fixeron falta varios intentos porque Julian Salto estaba no estadio Metropolitano, vendo o Atlético-Inter de Milán que se disputaba aquela noite. Finalmente, ás 21:59 horas, o fiscal xeral recibiunos na súa conta persoal de Gmail, pero a cadea non estaba completa.
22:10 horas:
Ás 22:10, en 'A Sexta', publicou a primeira información que reflectía que foi a defensa de González Amador quen buscou o pacto con Fiscalía, sen ofrecer máis detalles nin citar 'email' algún.
22:27 horas:
Pouco despois, ás 22:27, o xefe de gabinete de Díaz Ayuso, Miguel Ángel Rodríguez, enviou a un chat de xornalistas o contido doutro correo clave para a causa: o que Salto enviou o 12 de marzo de 2024 ao avogado do empresario para dicirlle que, aínda que o caso por delitos fiscais xa estaba xudicializado e, por tanto, xa non dependía de Fiscalía, iso non sería "obstáculo" para chegar a un acordo.
23:00 horas:
Sobre as 23:00, García Ortiz deuse conta de que non tiña a cadea completa porque lle faltaba ese 'email' do 12 de marzo. E, tras novas xestións, recibiu ese correo ás 23:46.
23:23 horas:
A 'Cadena SER' informou do 'email' do 2 de febreiro, o que contiña o ofrecemento de confesión. Fíxoo primeiro ás 23:23 en antena, facendo referencia ao correo e o seu contido. Xa ás 23:51, publicou en web a información avanzada, con extractos desa mensaxe electrónica.
14 de marzo de 2024:
10:22 horas:
Ao día seguinte, tamén despois dunha sucesión de chamadas e mensaxes, Fiscalía acabou publicando ás 10:22 horas un comunicado onde se daba detallada conta do intercambio de correos entre o fiscal e o avogado de González Amador.
Foi esa nota de prensa a que propiciou que o noivo de Díaz Ayuso presentase o 21 de marzo de 2024 unha querela no Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM) por presunta revelación de secretos, pero dirixida contra Pilar Rodríguez e Salto.
16 de outubro de 2024
Paradoxalmente, cando o 16 de outubro dese ano o TS, a pedimento do TSJM, encausó a García Ortiz por revelación de segredos, non o fixo por ese comunicado, ao considerar que non contiña "información indebidamente revelada" porque a mesma xa fora difundida pola prensa, situando xa o foco na presunta filtración dos 'emails'.
30 de outubro de 2024
Dúas semanas despois, o 30 de outubro, axentes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil irrompían de forma simultánea nos despachos de García Ortiz e de Pilar Rodríguez, para levar os seus dispositivos electrónicos, nun rexistro inédito que duraría máis de dez horas e do que sairían as principais evidencias.
Evidencias da Garda Civil: García Ortiz borra de chats e unha semana despois cambia de teléfono
Dos elementos incautados, a Benemérita concluíu que o mesmo día que o TS abriu causa a García Ortiz este borrou ata dúas veces os seus chats de WhatsApp e que, unha semana despois, cambiou de móbil.
Na súa declaración como imputado, o fiscal xeral achacou ambos os comportamentos ao protocolo de seguridade esixido para quen garda, como el, datos "ultrasensibles".
O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz. Foto: EUROPA PRESS
Oito meses de investigación, tres imputados e fluctuación dos feitos investigados
Durante os oito meses que durou a investigación, houbo tres imputados - Rodríguez, García Ortiz e o seu home de confianza, Diego Villafañe - e os feitos investigados fluctuaron desde o comunicado á suposta filtración do 'email' do 2 de febreiro ou da existencia dunha investigación fiscal contra González Amador.
Hurtado só empuxou a xuízo a García Ortiz e Pilar Rodríguez baixo o convencemento de que el, coa necesaria axuda dela, filtrou á Cadena SER o 'email' do 2 de febreiro para gañar o "relato" a 'El Mundo'.
Sinalou como indicios a cronoloxía dos feitos, polas horas en que García Ortiz recibiu a información relevante e cando se comezou a publicar en prensa, e o "borrado" que fixo o xefe do Ministerio Público tanto dos seus 'whatsapp' como do seu Gmail.
Tamén sostivo que García Ortiz actuou esa noite por "indicacións recibidas de Presidencia do Goberno". Hurtado tamén chegou a esta conclusión pola cronoloxía, da que inferiu que, "paralelamente" a eses intensos contactos entre o denominado "equipo de Fortuny", "desde Fiscalía Xeral do Estado" e "antes" de que se difundise en prensa, enviouse copia do 'email' á entón asesora de Moncloa Pilar Sánchez Aceira.
Con todo, a Sala de Apelación corrixiu ao maxistrado porque tal afirmación "non foi acreditada con suficiencia", deixando fóra da causa esas supostas instrucións do Goberno.
A Sala de Apelación tamén exonerou a fiscal ao fixar que actuou movida pola obrigación de informar o seu superior sobre un asunto importante. En todo o demais, avalou as teses do instrutor.
Miguel Ángel Rodríguez confesa que o mozo de Ayuso autorizouno a difundir o correo do fiscal. 10 de outubro,2025
García Ortiz reivindica a súa inocencia e apunta a "aparello" da Comunidade de Madrid
Álvaro García Ortiz, defendido pola Avogacía do Estado, reivindica a súa inocencia. "Rotundamente non", dixo na súa declaración como investigado cando lle preguntaron se filtrara información á prensa.
Por contra, argumenta que o "núcleo esencial" da información relevante sobre González Amador fora desvelado desde "o aparello institucional da Comunidad de Madrid", recalcando que o empresario deu ao xefe de gabinete de Díaz Ayuso luz verde para informar á prensa do 'email' do 12 de marzo.
E subliña, o fiscal xeral do Estado, que máis de 600 persoas tiveron acceso ao outro correo, o do 2 de febreiro, porque Neira mandouno a unha conta xenérica da Fiscalía, á parte da un avogado do Estado. E iso sen ter en conta ao persoal de Facenda e os xulgados madrileños.
García Ortiz reivindicou que en todo momento actuou "no lexítimo exercicio das súas competencias".
"Para evitar o prexuízo para a imaxe e o prestixio da Fiscalía e dos membros do Ministerio Fiscal cuxa honradez e profesionalidade comprometéronse por unha campaña de desinformación", por un "bulo".
Esas mesmas razóns, argumenta, son as que o levaron a manterse no cargo ata o punto de que este luns sentará no banco como fiscal xeral, algo nunca visto que propiciou non poucas peticións de dimisión dentro e fóra de Fiscalía.
Un tribunal de sete maxistrados de maioría conservadora -Andrés Martínez Arrieta como presidente e Susana Polo como relator, xunto a Manuel Marchena, Antonio do Moral, Juan Ramón Berdugo, Carmen Lamela e Ana Ferrer- xulgarao durante seis días con máxima expectación mediática pero, a diferenza do xuízo do 'procés', sen retransmisión en directo. A sentenza espérase cara a final de ano.
O fiscal xeral do Estado declarou no TS o 29 de xaneiro de 2025