Publicador de contidos

Publicador de contidos

O fiscal xeral nega ter filtrado datos da parella de Ayuso: “Rotundamente non”

O fiscal xeral nega ter filtrado datos da parella de Ayuso: “Rotundamente non”

Álvaro García Ortiz afrontará un xuízo no Supremo o 3 de novembro por un suposto delito de revelación de segredos

O fiscal defende que non houbo filtración e que borra periodicamente os datos do seu móbil por seguridade e "imposición legal"

Miguel Ángel Rodríguez, xefe de gabinete de Ayuso, declarou no Supremo que acusou o fiscal xeral por "dedución"

G24.gal 10/10/2025 21:51 Última actualización 11/10/2025 09:39

“Rotundamente non”. Con esas palabras, repetidas varias veces, o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, negou o 29 de xaneiro ante o Tribunal Supremo que filtrase ou ordenase divulgar información reservada da causa aberta por fraude á Facenda contra o mozo de Isabel Díaz Ayuso.

A menos dun mes de que o alto tribunal celebre o xuízo contra el, o Supremo trasladou ás partes os vídeos das declaracións do fiscal xeral e de case unha vintena de testemuñas ante o xuíz Ángel Hurtado.

A partir do 3 de novembro, García Ortiz converterase no primeiro fiscal xeral do Estado en sentar ante un tribunal acusado dun delito de revelación de segredos, polo que as acusacións particular e populares piden entre catro e seis anos de cárcere. A Fiscalía sostén desde o inicio que non hai delito.

Negacións e declaración ante o xuíz

Na súa declaración ante o xuíz Hurtado, o fiscal xeral negou que difundise “directa nin indirectamente” a denuncia, o expediente tributario ou os correos intercambiados entre un fiscal e o avogado de Alberto González Amador, parella da presidenta madrileña, nin a ningún medio nin persoa vinculada ao Goberno.

A causa xira arredor da filtración dun correo do 2 de febreiro de 2024 no que o avogado de González Amador recoñecía, en nome do seu cliente, dous delitos fiscais para pactar co Ministerio Público unha redución da condena.

Durante o interrogatorio da súa defensa, exercida pola Avogacía do Estado, García Ortiz asegurou non ter “constancia ningunha” de que a filtración procedese da Fiscalía e negou calquera intento de prexudicar a González Amador ou de obstaculizar as súas negociacións co fiscal do caso.

“Estou absolutamente seguro de que ningún fiscal deste país fixo ningunha filtración, que ningún fiscal o fixo esa noite do 13 de marzo”, afirmou nun momento dun interrogatorio que durou unha hora e media.

Conversas e borrado do móbil

O fiscal xeral tamén respondeu sobre as conversas mantidas ao día seguinte coa fiscal superior de Madrid, Almudena Lastra, quen –segundo explicou– “se mostraba reticente” á publicación dunha nota de prensa destinada a desmentir informacións falsas sobre o pacto entre a Fiscalía e o avogado de González Amador. Recoñeceu, ademais, que existe “un desafecto” de Lastra cara á cúpula do Ministerio Público.

O xuíz reprochoulle que borrara o contido do seu teléfono móbil, algo que García Ortiz xustificou afirmando que o dispositivo contén unha cantidade “absolutamente inimaxinable” de datos e informacións sensibles sobre fiscais, procedementos en marcha, relacións institucionais e cuestións de seguridade nacional.

“O meu teléfono móbil alberga información que pode afectar á seguridade deste país, por suposto que pode; e creo que hai moi poucas autoridades en España con tanta información no seu terminal como o fiscal xeral do Estado”, dixo.

Explicou que, desde a súa chegada á Fiscalía Xeral do Estado, cambiou de teléfono unhas seis veces: “Eu borro todo, absolutamente todo, e fágoo de maneira regular”, precisou, engadindo que se trata de datos “ultrasensibles” e que non pode permitirse o luxo de que cheguen a mans alleas. Segundo recalcou, trátase dunha “imposición legal”.

Acusación por "dedución"

Miguel Ángel Rodríguez, xefe de gabinete da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, declarou no Tribunal Supremo o 8 de xaneiro que a súa acusación de que o fiscal xeral, Álvaro García Ortiz, era autor dunha filtración relacionada co seu mozo, Alberto González Amador, estaba baseada nunha dedución, non en que tivese información ao respecto.

Cando a avogada do Estado que interrogaba a Rodríguez lle pregunta se a acusación está baseaba nalgunha información ou se era a súa opinión, el responde que foi "unha dedución", segundo pode escoitarse nun vídeo da declaración ante o xuíz Ángel Hurtado, ao que tivo acceso EFE este venres.

"De onde o sacou vostede, é opinión ou é información?", pregunta a avogada do Estado.

"É dedución", contesta Rodríguez.

A continuación, explica que só había dúas partes que tiñan o expediente, a Fiscalía e o avogado de Alberto González Amador, mozo de Ayuso, e que como sabía que o avogado non foi, tería que provir a filtración da Fiscalía.

Entón, a avogada do Estado corríxelle e dille que non eran dúas partes, senón tres, porque a Fiscalía presentara unha denuncia vinte días antes e, polo tanto, o expediente xa o tiña o Decanato.

Rodríguez di que deduciu que a filtración proviña do fiscal xeral porque é "a conclusión" á que chegou, ao crer que só dúas partes o tiñan, e engade que lle parece "que non estaba moi lonxe da realidade".

O xuíz Hurtado impide á avogada do Estado seguir debatendo con Rodríguez sobre se a súa dedución fora errónea e pídelle que continúe co interrogatorio.

"O menor ruído" posible

Pola súa banda, González Amador explicou na súa declaración no Supremo, que tivo lugar o 23 de maio en calidade de testemuña daquela presunta filtración, que a súa intención era que o caso no que estaba a ser investigado por fraude fiscal tivese "o menor ruído" posible.

"Que isto pase o máis desapercibido posible (...). Ela nada ten que ver comigo", cóntalle ao xuíz que lles dixo aos seus avogados, noutro vídeo ao que tivo acceso EFE.

Segundo explica, os seus avogados déronlle varias alternativas acerca de pelexar xudicialmente o caso ou buscar unha conformidade e que el lles indicou que quería que fose "o máis rápido e sen ruído".

Na súa declaración, Amador asegurou que non foi consultado sobre a carta que buscaba a conformidade, na que se recoñecía a autoría da fraude, e que é logo a orixe da filtración que se investiga ao fiscal xeral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade