A Fiscalía pide ao Supremo que absolva o fiscal xeral e insiste en que non hai delito
A Fiscalía insiste en que os feitos "non son constitutivos de delito algún" e pide ao alto tribunal, por tanto, "a libre absolución" do fiscal xeral
O PP critica que o propio fiscal xeral pida que o TS o absolva: "Isto é unha anomalía democrática histórica"

A tenenta fiscala do Tribunal Supremo solicitou á Sala do Penal que absolva o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, do delito de revelación de segredos, ao soster que non se lle pode atribuír "ningunha intervención" na filtración de información sobre o caso de fraude a Facenda do mozo de Isabel Díaz Ayuso. Nun escrito datado o pasado 15 de setembro e ao que tivo acceso EFE este luns, a Fiscalía insiste en que os feitos "non son constitutivos de delito algún" e pide ao alto tribunal, por tanto, "a libre absolución" do fiscal xeral.
Expón, ademais, a citación dunha vintena de testemuñas, encabezados polo empresario Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade de Madrid e quen é á súa vez acusación no procedemento. A número dous da Fiscalía Xeral, María Ángeles Sánchez Conde, que é quen leva a causa desde o inicio, quere tamén que testifique no futuro xuízo Miguel Ángel Rodríguez, xefe de gabinete de Isabel Díaz Ayuso.
A vicesecretaria de Rexeneración Institucional do PP, Cuca Gamarra, criticou este luns que o propio fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, pida que o Tribunal Supremo o absolva. Ao seu entender, trátase "dunha anomalía democrática histórica".