Trump impón unha taxa global do 10% tras o bloqueo do Supremo
O mandatario republicano asinou este venres a orde que "entrará en vigor case de inmediato"
É a resposta da Casa Branca á resolución xudicial que declara ilegais a maioría dos seus aranceis
O porto de Taichung (Taiwán) nunha imaxe de arquivo. REUTERS/Ann Wang
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asinou este venres na oficina Oval un arancel global do 10% para todos os países, como resposta á resolución do Tribunal Supremo que detivo a súa política comercial.
"É unha grande honra para min asinar un arancel global do 10% a todos os países", escribiu o mandatario na súa conta oficial de Truth Social.
A lei na que se soporta Trump para esta nova orde executiva só permite incrementar aranceis ata un 15% e por períodos de 150 días, polo que non está claro como se vai articular a longo prazo.
Segundo anunciou o republicano, a medida "entrará en vigor case de inmediato". Deste xeito, a Casa Branca responde ao pronunciamento da corte Suprema contra a súa política arancelaria.
O ditame xudicial afecta á tarifa global base do 10% imposta ás importacións estranxeiras e aos chamados gravames "recíprocos" aos socios comerciais da maior economía do mundo.
Tamén atinxe aos aranceis adicionais do 25% aplicado a México e ao Canadá co pretexto de frear o fluxo de drogas, como o fentanilo, a través das súas fronteiras cara aos EUA.
Do mesmo xeito, concirne ás decisións do republicano de aumentarlle ata un 50% as taxas ao Brasil e á India como represalia polo axuizamento do expresidente brasileiro, Jair Bolsonaro, e pola compra de cru ruso, respectivamente.
Antes de asinar a nova lei, Trump criticara abertamente o actuar do Supremo durante unha conferencia de prensa improvisada na Casa Branca.