O Supremo permite cazar o lobo "só cando sexa a única solución para evitar danos ao gando"
O TS lembra que todas as poboacións de lobo en España foron incluídas na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial
A morte de exemplares, di a resolución, debe ser selectiva e non indiscriminada
O Tribunal Supremo autoriza a caza do lobo "só cando constitúa a única solución para evitar danos ao gando", polo que considera que debe ir precedida dun exame de "medidas alternativas" que "razoablemente" poidan adoptar as explotacións gandeiras para impedir os seus ataques.
A sentenza, do 12 de febreiro pero feita pública este luns pola Sala do contencioso-administrativo do propio TS, confirma en casación a do Tribunal Superior de Cantabria que no seu día anulou as autorizacións dadas pola comunidade cántabra para a "extracción" de varios exemplares que podían causar danos ao gando nesta comunidade autónoma.
Na resolución o tribunal lembra que todas as poboacións de lobo en España foron incluídas na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE), o que lles permitiu adquirir "o máximo nivel de protección que dispensa a nosa lexislación" e en particular a Lei do patrimonio natural e da biodiversidade.
Aínda recoñecendo a competencia das comunidades autónomas para adoptar medidas de xestión da especie que poidan incluír a morte de exemplares, o Supremo sinala que estas medidas "deben someterse a unhas rigorosas condicións" previstas pola normativa, tendo en conta as pautas aplicadas polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
A caza dun número concreto de lobos require ademais, segundo di a sentenza, "a comprobación do bo estado de conservación da especie" e para iso "non é suficiente con observar que a súa poboación aumentou nun ou varios municipios concretos", senón que, "por mor do amplo territorio en que se move", faise necesario "un estudo máis extenso".
Por todo iso, conclúe, a morte de exemplares "debe ser selectiva" e "non é posible permitir que se aplique de forma indiscriminada a un determinado número de individuos sen outra concreción".