Un restaurante de Begonte cultiva as súas propias hortalizas para servilas frescas na mesa
O encargado do invernadoiro plantou ata dezaseis variedades de tomate e varias de pementos e leitugas, entre outros produtos
A terra da horta fertilízase co compost obtido dos propios restos da cociña do local, situado na parroquia de Damil
Os tomates consumidos nunha casa de comidas de Damil, en Begonte, non poden ser máis frescos. Acaban de ser recollidos na horta do restaurante, que abastece o propio local.
O encargado do invernadoiro plantou ata dezaseis variedades desta hortaliza, ademais de leitugas, cabaciñas e pementos autóctonos, entre outros produtos. E a terra foi fertilizada co compost obtido dos restos.
"Todos os despoxos que saen de aí, da cociña, á parte de herbas. O normal é que leve moita casca de cebola e todo o que sae de aquí", destaca Santi Fernández, responsable do invernadoiro.
"Non é nada novo. O quilómetro 0 fíxose sempre. É consumir ao mediodía ou á noite o que apañaches pola mañá na túa horta", sinala o hostaleiro Dani Ferreiro.
Os comensais, pola súa parte, notan a diferenza no prato. E quen o desexe pode comprobar que os produtos son cultivados na horta do propio restaurante.
"No caso do tomate, é máis salientable. Ao tomalo fresco, recollido do día directamente da rama, nótase moito. De feito, poñémolo na carta ou no menú e hai quen non o cre, así que algún cliente pasámolo a visitar o invernadoiro despois de comer", engade Ferreiro.
O proxecto, chamado A Nosa Horta, só acaba de comezar, pero o éxito colleitado seguro que lle dará continuidade por moitos anos.