Festa africana en Mazaricos para mellorar a vida en Costa de Marfil
A asociación Égueire, con máis dun centenar de socios, ten en marcha varios proxectos no país africano
Duascentas persoas participaron na festa africana de Mazaricos, que chegou este ano á décimo quinta edición. Foi un día de convivencia e solidariedade.
"Amosar a cultura africana e compartila coa galega. E o outro aspecto é facer proxecto de desenvolvemento co recadado aquí. Xa construímos unha maternidade e agora queremos ampliala e facer unha pediatría para seguir apoiando os nenos. Agradezo a axuda de todos os galegos para que este proxecto se faga realidade. Pasándoo ben, axudamos outras persoas", explica Desiré Kouakou, presidente da asociación Égueire.
Desiré naceu en Costa de Marfil. Na actualidade é sacerdote en sete parroquias de Cee, Corcubión e Dumbría. Chegou a Mazaricos hai dezanove anos e pouco despois impulsou, con outro compañeiro sacerdote, a asociación Égueire, para cooperar co desenvolvemento de África.
Entre achegas particulares e axudas públicas, manexan un presuposto anual duns 60.000 euros.
"Hai moitas cousas que desfrutamos, que as consideramos normais e básicas. Pois iso hai que pelexalo para todo o mundo. Pretendemos que todo o benestar que temos nós o poidan ter noutros lugares. É o obxectivo que pretendemos", di Xosé Manuel Pensado, secretario da asociación Égueire.
Algúns dos 120 socios xa viaxaron a Costa de Marfil para coñecer os proxectos que ten en marcha a asociación.
"É un país moi bonito, con moito por desenvolver. Ten moitos recursos naturais pero falta todo por facer. É un país precioso, cunha xente marabillosa", explica Lucas, que viaxou ao país africano.
A xornada rematou coa actuación dun grupo musical chegado de Costa de Marfil.