Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os dous extremos do termómetro rexístranse na provincia de Ourense

Os dous extremos do termómetro rexístranse na provincia de Ourense

A temperatura máis baixa de Galicia, con 8 graos, foi en en Calvos de Randín, e a mínima máis alta, con 21, en Ourense

G24.gal 16/06/2026 14:34

Que os ourensáns están afeitos, é ben sabido.

"Vivimos na cidade da temperatura extrema, sempre. É o que hai".

Con todo semella que o verán anda algo ansioso este ano e a calor chegou con forza á provincia de Ourense, superando con moito varios días os trinta graos. Así que toca aproveitar as mañás.

"Aquí en Ourense, miña naiciña! Temos que pechar todo a cal e canto, que non entre nin chisca de sol. Ai o fresquiño da mañá! Esta mañá estaba preciosa, fomos ata alá a cima de Oira de marabilla, un airiño fresco, dá gusto".

Soben as temperaturas polo día pero é que pola noite tampouco descansan, na cidade de Ourense contra as dúas da mañá os termómetros roldaban os 20 graos despois dunha xornada abafante.

"Levo chaqueta porque vou en sisas, pero no bolso levo unha viseira para logo cruzar a ponte romana porque é perigoso, cruzar por aí é cousa dos ourensáns, atrevernos a pasar a ponte".

Pola contra, á primeira hora da mañá, noutras localidades da provincia cumpría esa manga. En Calvos de Randín arrancou o día con 7 graos e medio. Os contrastes e as altas temperaturas teñen algo despistados os turistas que estes días visitan a provincia.

"Vimos que en Ourense acostumaba ir bastante calor, pero pensamos que era cousa máis de xullo ou agosto, non a mediados de xuño".

E chegarán tamén as treboadas.

"Adiantamos que hai aviso en practicamente toda a provincia de Lugo, agás a Mariña, e toda a provincia de Ourense por esas treboadas que nos van acompañar mañá pola tarde, onde aumenta a inestabilidade, eses lóstregos serán máis frecuentes e virán acompañados con ascenso nas temperaturas", explica Ana Celia Vázquez, de 'O tempo'. 

Importante, iso si, non perder o optimismo.

"Non queda outra, que veña como queira, e se ten que chover, que chova!"

Así que xa saben, non perdan de vista o ceo e aproveiten porque cara aos vindeiros días albíscase a chegada dun novo episodio de calor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade