Detidos en Madrid e Barcelona os supostos autores dun asasinato nun bar de Carballo
Os detidos son dous homes de nacionalidade dominicana, supostamente relacionados co asasinato a tiros de José Luis Alvarado hai cinco meses. Pasaron a disposición xudicial este venres e o xuíz decretou o seu ingreso en prisión
A vítima, de 33 anos, era o dono do bar Castro da rúa Anllóns de Carballo
Buscan os dous homes que mataron a disparos o rexente dun bar en Carballo
A Garda Civil detivo dous homes de nacionalidade dominicana pola suposta relación co asasinato a tiros do dono dun bar de Carballo hai cinco meses, concretamente na tarde do día 4 de decembro de 2024. As detencións realizáronse no marco da operación REGIDOM.
A vítima foi José Luis Alvarado, de 33 anos. O asasinato produciuse no interior do bar Castro, que rexentaba a vítima, na rúa Anllóns de Carballo. O home era coñecido como Chelo "o Rexedor".
A cámara de seguridade instalada no bar rexistrou o momento no que dous encapuchados perseguen o dono do bar ata o baño, onde trataba de refuxiarse e onde remataron executándoo con varios disparos de arma de fogo.
Segundo relata no seu comunicado a Garda Civil, a principal hipótese que manexaron foi a de axuste de contas, dadas as circunstancias que envolvían o caso e especialmente a forma na que se produciu o ataque.
A detención dos dous homes realizárona este mércores axentes da área de delitos contra as persoas da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil da Coruña co apoio de axentes dos Mossos d'Esquadra, tutelada desde o seu inicio polo Xulgado de Instrución Número 2 de Carballo e a Fiscalía Provincial. Os detidos pasaron este venres a disposición xudicial, e o xuíz decretou o ingreso en prisión para ambos.
Os arrestos realizáronse en Madrid e Barcelona. Na operación tamén se realizaron varios rexistros domiciliarios. A un dos sospeitosos detivérono xusto cando acababa de saír do cárcere, tras cumprir unha condena por outros delitos.
A operación estaba previsto que se realizase o luns, pero tivo que ser aprazada para o mércores por mor do apagamento.
A investigación estendeuse durante seis meses, durante os cales os gardas civís levaron a cabo numerosas dilixencias,
incluíndo análises forenses exhaustivas, toma de declaracións a testemuñas, seguimentos discretos e a análise de múltiples fontes de información.
Froito desta colaboración e do traballo realizado por múltiples Unidades da Garda Civil logrouse que a complexa investigación e as autorizacións prosperasen, o que finalmente conduciu á identificación dos dous presuntos autores do crime, explica a Benemérita.
Unha vez obtidas as probas incriminatorias, deseñouse un operativo simultáneo para a detención de ambos os sospeitosos nos seus respectivos lugares de residencia, un en Barcelona e o outro en Madrid, conclúe a Garda Civil.