A idade media chega a Padrón nunha nova edición da súa feira
A feira medieval enche as rúas de música, artesanía e obradoiros tradicionais
Co trasfondo de Macías o Namorado, un dos últimos trobadores en galego da Idade Media, a feira de Padrón celebra un ano máis a súa feira medieval. Historia, tradición e moito ambiente é o que se respira na zona vella da vila durante toda esta fin de semana.
Este sábado producíase o irmandamento co municipio xienense de Arjonilla, onde morreu o trobador medieval padronés Macías o Namorado, e deste xeito o ambiente histórico volveu conquistar por uns días a zona vella da vila do Sar. E xa van 18 edicións.
"Deume unha ledicia cando me dixo a miña filla que había feira medieval, pois moi ben, porque había tempo que non viña", comentaban algúns dos asistentes.
Obradoiros dedicados a artesanía de todo tipo chamaban a curiosidade dos visitantes, abelorios, curtidoiros e mesmo pedras máxicas. "Presentamos os minerais da natureza que hai aquí, tanto didáctico ou de colección", ilustra o artesán peruano Carlos Dextre, que oferta pedras para diversos usos. Unha das compradoras asegura que a adquiriu algunha para "que veña o diñeiro soíño á carteira", comenta con retranca.
Noutro posto rexentado por arxentinos relatan a aceptación que están a ter dos seus abelorios:
"Moi cálida aquí a recepción da xente de Galicia porque viñemos coa nosa artesanía dende a Patagonia arxentina e dende hai dous anos estamos vivindo aquí", di Mateo Dinoto de "Bosque Taller Artesáns".
E en toda festa medieval tampouco pode faltar o momento de facer unha paraxe para repoñer forzas.
"Ofrecemos xamón asado. Ás veces dígolle á xente que é carne de crocodilo, rin un pouqiño, próbano e veñen", manteñen nun dos postos de viandas.
A festa medieval continuará polo serán con monicreques e maxia para os máis novos, música e tamén obradoiros de antigos oficios. E coa promesa de que o vindeiro ano Macías o Namorado volverá cantarlle á súa amada.