A Festa dos Indianos devolve Ares a principios do século XX
A festa recorda a contribución dos emigrantes a América na comarca
Este ano celebraron por primeira vez un concurso para elixir os mellor caracterizados
Ares celebrou esta fin de semana a oitava edición da súa festa indiana. Cun pasado marcado pola emigración a América, desde o concello apostaron por poñer en valor a contribución dos seus devanceiros para o desenvolvemento da vila. Así que, cos mellores traxes, os descendentes daqueles emigrantes competiron hoxe por ser os indianos máis auténticos.
Chegou agosto e volveron a Ares os indianos de principios de século que tornaban á terra coas mellores galas despois de se enriquecer en ultramar.
"Son filla, neta e bisneta de emigrantes entón para min é unha honra. Hoxe mesmo levo un vestido que honra á miña bisavoa. Fixen unha réplica exacta dun vestido dela".
"É unha tradición, levamos anos vindo e cada vez vai a máis".
"Hai que vir ao Ares indiano sempre vestido, caracterizado porque é unha festa moi bonita, cada ano mellor organizada e animo a todo o mundo a que veña coñecer este pobo tan fermoso"
"Xa ven o tenderete que montamos. Cada ano superámonos. Hai xente que xa está esperando por nós para ver o que levamos. E cada ano imos mellorando".
E moitas daquelas riquezas dos nosos emigrantes repercutiron tamén no ben social dos que quedaran aquí.
"Ares ten a honra de ter a primeira escola fundada pola emigración. A Alianza Aresana de Instrución no 1904 na Habana fundou unha asociación para construír escolas e darlle estudos aos nenos máis pobres da vila", explica Alma Barrón Ferro, concelleira de Cultura.
Este ano, ademais, o esforzo estivo recompensado nun concurso de vestimenta onde non faltou detalle.