Publicador de contidos

Publicador de contidos

Que facer esta fin de semana en Galicia?

Que facer esta fin de semana en Galicia?

A última fin de semana do verán deixa propostas de ocio por todo o país

G24.gal 18/09/2026 09:45

Remata o verán e xa coa vista posta no outono que se inaugura o próximo mércores, día 23, Galicia despide a estación coas últimas citas da temporada estival.

Gastronomía

Entre este sábado e o domingo celébrase en Coristanco a Festa da Pataca. O concello de Bergantiños, que rivaliza coa Limia como produtor principal de patacas do país, homenaxea un dos máis humildes produtos agrarios, complemento esencial gastronómico. En Coristanco, a pataca din, "non é só un ingrediente, é identidade". Para non perder, o xa tradicional desfile de tratores engalanados do domingo á mañá.

Tamén humilde é a zorza, e esta fin de semana coinciden dúas festas de exhaltación deste produto. Na Guarda desde as 18:00 deste venres celebrase o evento na parroquia de Salcidos, con degustacións a precios populares. A cita rematará cunha queimada, por se á noite refresca.

O domingo, o campo da festa de Ventín, en Fornelos de Montes, acolle unha nova edición da Festa da Zorza, na que ademais de probala, aquí acompañada de patacas fritidas, poderase asistir a unha concentración de vespas clásicas.

A quen lle preste pode ir da Guarda a Fornelos, e comparar como a fan en cada un destes lugares e entrar no recente debate sobre a autenticidade deste produto e a súa elaboración: zorza de verdade ou carne de porco adubada?

Menos humilde é a ameixa, principalmente polo prezo, pero igual de tradicional nas festas do país. Esta fin de semana a cita con este bivalvo está en Campelo, en Poio, tras ser declarada a súa festa de interese turístico de Galicia. As celebracións aquí van de venres a domingo, cunha programación principalmente gastronómica, pero tamén musical e familiar, e sobre todo de reivindicación da tradición mariñeira e do esforzado traballo das mariscadoras e mariscadores.

Festividades relixiosas

E entre as festas relixiosas, a do Nazareno da Pobra do Caramiñal, tamén de Interese Turístico de Galicia, goza de sona pola súa tradicional procesión das mortallas. Os cadaleitos volverán percorrer as rúas da vila, nunha peculiar relación coa morte, e as persoas ofrecidas cumpren coa promesa ao Nazareno tras superar unha enfermidade grave ou algún outro suceso. A festa é durante toda a fin de semana, e ata o luns, sen que falten as misas, nin as verbenas.

Lalín festexa esta fin de semana a Festa das Dores. O día central é o domingo, pero a capital do Deza énchese durante toda a fin de semana de concertos, pasarrúas e actividades para todos os públicos. Non é a festa do Cocido, pero ben paga a pena unha visita a Lalín. As celebracións chegan ata o martes. Para fans das orquestas, o luns está a París de Noia e o martes Os Satélites e a Panorama.

Feiras

Na terra de Montes, a Estrada celebra a Feira do Moble de Galicia. Comezou xa este xoves nos cinco pavillóns do Recinto Feiral da Estrada. Chega este ano á súa edición 36, xuntando unha vez máis expositores de Galicia, España e Portugal. 26.000 metros cadrados de exhibición para darlle unha volta a decoración da casa.

Xermade celebra xa desde este venres o Encotro Internacional de Torneiros da Madeira. Van xa 26 anos reunindo algunha das máis importantes figuras mundiais do torno para amosar as súas obras e dar a coñecer as súas habilidades nos obradoiros que durante tres días se celebran nesta vila da Terra Chá.

Cinema e música

O freak leva anos de moda, e en Vigo sábeno. Este xoves comezou alí o Galicia Freaky Film Festival, unha cita que ata o 26 de setembro ofrece o mellor do cinema máis alá do terror, consolidado logo de dez anos "traendo o mellor cinema freak do universo e espallando a palabra freak pola galaxia", en palabras dos seus organizadores. Como convidado de honra este ano chega Lloyd Kaufman, codirector de The toxic avenger e cofundador de Troma Entertaiment. Este sábado asinará autografos a todos os friquis que se queiran achegar.

En Ourense van de festi. Este sábado é o Ourfest 2026, con The Jesus and Mary Chain como cabezas de cartel. A apertura de portas é ás 17:00. 

En Lugo o Caudal Fest xa empeza hoxe no xardín do Pazo de Feiras e Congresos. Son dous días nos que o cartel do venres o lideran Lori Meyers e Xoel López, e o sábado Siloé e Ultraligera

E na Coruña, este sábado prosegue a súa xira española o cubano Silvio Rodríguez. É no Coliseum, e coas entradas esgotadas polos fieis seguidores que levaban xa anos agardando unha nova visita do trovador que se aproxima xa aos 80 anos en plena forma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar