A caída dun muro en Vilagarcía deixa veciños do barrio da Torre sen poder usar o coche
Trátase do peche dunha parcela que está abandonada e da que os veciños levan anos reclamando a súa limpeza
Tras anos de reclamacións ao Concello de Vilagarcía polo estado de abandono dunha parcela no barrio da Torre, agora os veciños levan semanas con parte do muro da leira caído, que obstaculiza a saída de vehículos dunha das familias.
"Non podemos entrar co coche. Temos paso de servidume polo que só podemos entrar e saír, pero non se pode. Á vista está o que caeu pero por dentro está moito máis tirado", explica Rosana, unha das afectadas polo estado deste terreo na rúa do Río.
É tal o seu abandono que as raíces e a maleza tiraron co peche, con todo, este non é o único problema. "Hai bichos, ratas... de todo! Non abrimos as fiestras e hai pouco que quitaron uns niños de velutinas. É un pouco perigoso... e os drogodependentes métense aí...", engade.
Os veciños do barrio da Torre levan anos reclamando a súa limpeza e unha solución ao Concello. Temen que a maleza acabe por ocasionar máis estragos pois está a gañarlle terreo aos cables de luz e telefonía, así como tamén a estruturas da propia parcela.
Coa caída do muro conseguiron que desde o Concello viñeran interesarse, pero polo de agora deben conformarse con que a zona estea acordoada e que uns conos de plástico avisen do perigo.