A angustia de vivir á beira dunha estrada onde os coches pasan "coma lóstregos"
Os veciños de Galdo, en Viveiro, reclaman un sistema para que os vehículos reduzan a velocidade na comarcal LU-P-6608
A veciñanza da parroquia de Galdo, no concello de Viveiro, vive aterrada pola velocidade á que pasan os coches pola estrada comarcal que atravesa a localidade, a LU-P-6608.
Nesta zona residen unhas catrocentas persoas e as máis afectadas son as corenta que viven á beira da estrada entre San Martiño e o Cruce da Parraguesa.
Aseguran que ás veces "superan os 90 quilómetros á hora" nun treito limitado a 50 e "pasan coma lóstregos". Ademais, denuncian o mal estado do beiril, todo cheo de bouza que quita a visibilidade.
Xa contactaron coas autoridades en varias ocasións, solicitando un sistema que reduza a velocidade, como as bandas redutoras, pero polo de agora non recibiron resposta.