Reabre por Semana Santa o tramo da AG-57 en Gondomar afectado polo temporal
En febreiro o mal tempo provocou un derrubamento de terras en dous quilómetros da autoestrada do Val Miñor sentido Baiona
A Xunta retomará o luns 6 de abril os traballos de reparación do noiro
A chuvia deste inverno provocou un desprendemento de terras na autoestrada do Val Miñor o pasado mes de febreiro (Europa Press/Adrián Irago)
A Xunta reabriu ao tráfico os dous carrís da autoestrada do Val Miñor, ao seu paso por Gondomar, co obxectivo de favorecer a maior afluencia de circulación na AG-57 durante toda a Semana Santa.
Segundo un comunicado autonómico, as obras na AG-57 continúan avanzando. De feito, xa están finalizados os traballos de bulonado para a estabilización do noiro e de gunitado, unha técnica de construción que consiste en aplicar formigón ou morteiro a alta presión mediante unha máquina especial, que se utiliza para crear estruturas continuas, sen xuntas, moi compactas e resistentes.
Seguindo a programación dos técnicos da obra, a Xunta retomará o luns 6 de abril os traballos de reparación do noiro que se desprendeu por mor dos recentes temporais deste ano. Deste xeito, comezaranse coas tarefas de perforación para a execución das drenaxes californianas e renovarase por seguridade o corte de tráfico nun carril sentido Baiona.
O Goberno galego lembra que, aínda que este desprendemento non afectou á calzada, optouse polo corte de tráfico ante o posible risco de desprendemento de material que quedou inestable na cabeza do noiro. A actuación en total terá un custo de 110.000 €.