Os veciños dun edificio da Estrada piden o peche do almacén de madeira instalado no baixo
Os residentes do inmoble advirten do perigo que supón porque, segundo aseguran, carece de medidas de seguridade
Din que xa denunciaron o caso en varias ocasións, pero non obtiveron resposta
O baixo dun edificio da Estrada acumula desde hai anos madeira e tamén algunha maquinaria. Os residentes do inmoble advirten do perigo que supón porque, segundo aseguran, carece de medidas de seguridade.
"O problema que hai é que levamos arredor de 20 anos cun señor que ten aquí un almacén ilegal e que se desentende de sacar nada de aí, cos problemas de madeiras secas, que son combustibles, carretillas con perdas de gasóleo, aceites... Unha serie de cousas que poden provocar un incendio rapidamente", segundo o presidente da comunidade de veciños, Santiago Otero.
Din que xa denunciaron o caso en varias ocasións, pero non obtiveron resposta.
"Creo lembrar que a primeira reclamación fíxose no ano 2011, a seguinte no 2023, agora, mediante un avogado, outra, e non hai contestación por parte do Concello, ningunha".
Nas vivendas situadas a carón do edificio comparten a preocupación. "Non vexo normal que debaixo do edificio haxa semellante leña, madeira. Planta lume e arde todo e imos todos para...", di unha veciña.
Cren que o almacén debe pecharse cando antes para evitar posibles incidentes.
"Que saque de aí todo porque iso é totalmente ilegal, non hai maneira de telo. Aínda perdo o meu nome se ten aí unha mangueira de auga para poder apagar un pequeno lume que haxa. Pedimos que saque todo de aí canto antes para que non lle pase nada á xente que está vivindo aquí", insiste o presidente da comunidade.
A comunidade de veciños pensa seguir coas reclamacións ata que se solucione o problema.