Dous veciños de Vilalba resultan feridos tras seren alcanzados por un raio
Un recibiu a descarga cando foi apagar a luz e unha muller, cando desenchufaba o móbil do cargador
Ambos teñen golpes do impacto e a muller tamén algunha queimadura
A tormenta tamén deixou numerosos danos materiais na aldea: nunha casa rebentou a instalación eléctrica e a da calefacción
A Remedios, unha veciña da parroquia de Román en Vilalba, aínda lle tremen as pernas só con lembralo. A última tormenta levouna ao hospital. Alcanzouna un raio cando ía desenchufar o móbil do cargador.
“Collino na man e xa non sentín as mans nin o pé esquerdo, tiroume ao chan, levantoume, fixo o que quixo de min, levei tres golpes”, explica Remedios Martínez.
Unha forte descarga que lle deixou queimaduras e golpes. Unha historia que se repite na súa casa: hai 30 anos, outro raio alcanzaba a súa filla.
“No mesmo sitio, na mesma casa, ela estivera cinco días no hospital, quedáralle marcada no pescozo a medalla da cadea que levaba posta”, comenta Remedio Martínez.
O raio tamén alcanzou outro veciño, un mozo de 22 anos, que quixo apagar a luz e deulle á chave.
“Iluminouse todo e deulle a descarga, caeu o chan, levárono a urxencias, pero ás poucas horas déronlle a alta, el notaba cambras nas pernas”, explica o padriño do mozo, Hugo Amedo.
Hugo e a súa familia libraron por minutos da tormenta, na súa casa rebentou a instalación eléctrica e da calefacción e levantou o formigón do acceso e o pozo.
“Moito ruído, nós estabamos a uns metros, ao entrar xa vimos os danos na fachada, nos contadores, os cables polo chan, esperamos un cacho e ao entrar na casa cheiraba a queimado e había fume e auga, porque tamén rebentou o sistema de calefacción”, explica Hugo Amado.
Un susto difícil de esquecer, os veciños de Román non lembran unha tormenta igual.
“Pensamos que destruía todo, isto non se vai esquecer, é difícil de crer”, asegura Remedios Martínez.
Foron moitas as avarías que se rexistraron en toda a aldea, das que aínda tratan de repoñerse.