Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tráfico aumenta a vixilancia sobre as motos para reducir os sinistros mortais

Tráfico aumenta a vixilancia sobre as motos para reducir os sinistros mortais

En 2025, dous de cada sete falecidos nas estradas galegas eran motoristas

O perfil dos condutores con máis risco de sufrir un accidente é o de maiores de 45 anos que guían motos grandes

A Garda Civil de Tráfico realizará controis nas fins de semana ata o mes de outubro para tentar reverter a sinistralidade deste colectivo

G24.gal 07/06/2026 14:32 Última actualización 07/06/2026 15:15

Coa chegada do bo tempo son moitos os condutores que collen a súa motocicleta para desfrutar das vantaxes que ofrecen estes vehículos. Con todo, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), vén observando nos últimos tempos un incremento da sinistralidade neste colectivo.

De feito, segundo os datos do ano pasado, en Galicia dous de cada sete falecidos en accidentes de tráfico eran  motoristas e a sinistralidade producise maioritariamente en vías secundarias. 

"Na moto vas seguro, só que atopas moitas estradas que dan pena e aí onde está o perigo. Podes ter unha boa moto, como estas que son novas e teñen todo tipo de seguridade, pero se chegas a unha estrada que está desfeita, aí non hai quen te salve", comenta un motorista.

O exceso de velocidade, as distraccións, non respectar a distancia de seguridade son algunhas das causas dos accidentes nos que se vén involucrados os motoristas, e que habitualmente rematan cunha saída de vía ou cunha colisión contra outro vehículo.

Por iso, a DXT está a desenvolver unha campaña de vixilancia sobre os vehículos de dúas rodas que se realizará durante as fins de semana, ata outubro.  

De feito, dende a tarde do venres ata a noite do domingo é cando se rexistran máis sinistros con motocicletas implicadas. Os controis céntranse na monitorización do consumo de alcol ou drogas así como nos límites de velocidade.

"Na moto non podes beber.  Iso é o primordial, porque vas en dúas rodas. Non é como ir nun coche. As campañas se son por seguridade véxoas ben", afirma outro usuario dunha motocicleta.

A metade dos motoristas falecidos en sinistros viais tiñan máis de 45 anos e os vehículos que sofren máis accidentes son as motos grandes, con cilindradas superiores ao medio litro.

Por iso, dende a Garda Civil de Tráfico recomendan respectar os límites de velocidade, evitar o consumo de alcol e realizar unha condución preventiva. Porque na moto, os sustos teñen consecuencias.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade