Rouba nun hotel de Ourense 6.000 euros e queda todo gravado polas cámaras
O ladrón levou cartos da caixa rexistradora e da máquina de tabaco e tamén os viños e licores máis caros
Os feitos ocorreron nun establecemento da parroquia de Untes, en Ourense. Foi na madrugada do pasado martes, 21 de xullo, cando un asaltante accedeu ao hotel restaurante, que leva pouco máis dun mes con nova xerencia, pero semella que o ladrón xa o tiña no seu punto de mira.
"Subiu por esas escaleiras, chegou á terraza e forzou a entrada", conta Pedro Antonio López, o propietario do establecemento.
Unha vez dentro tomouno con calma: colleu os cartos da caixa rexistradora e da máquina de tabaco, os viños e licores máis caros, algúns electrodomésticos da cociña, os teléfonos móbiles e mesmo un altofalante que utilizaban no salón de eventos.
"Ten que ser un profesional. Entrou tranquilamente e tomouse o tempo que él quixo", engade o dono do hotel.
Semella que ou ben non lle importaba ou non se decatou da presenza das cámaras de seguridade. O caso é que todo quedou perfectamente rexistrado.
"O tipo quedou rexistrado nas cámaras e con iso a policía xa está traballando. Esperemos que o capturen xa".
O restaurante e a cafetería funcionan durante o día dende hai un mes e están a piques de abrir as primeiras habitacións do hotel, por iso todo estaba pechado pola noite. Máis adiante, asegura o propietario, será diferente, pero polo de agora pensan que é mellor extremar as precaucións, tanto eles como os seus veciños.
"Os veciños están sorprendidos co que pasou e imaxino que isto fará que teñan máis coidado e non se confíen".
O propietario do hotel calcula que o total do roubado ascende a uns 6.000 euros.