A metade dos falecidos na estrada consumiran alcol, drogas ou psicofámarcos
O alcol baixa un 2 %, pero segue a ser a substancia máis consumida
Destaca o aumento de positivos en cocaína e opiáceos entre os sinistrados
A memoria analiza os restos toxicolóxicos dos que morreron nas estradas, e das 1.200 autopsias realizadas, a metade deron positivo en substancias incompatibles co volante.
"Baixa dous puntos a presenza de alcol, boa noticia, sobe 4.5 puntos a de droga, mala noticia, e a incidencia de psicofármacos aumenta 5.6 puntos, outra noticia bastante mala", explica Pere Navarro, director xeral de Tráfico.
A maioría dos sinistrados eran homes, con idades ente 35 e os 54 anos, e tiveron o accidente en días laborables. Aínda que baixou lixeiramente, o alcol segue sendo a substancia máis consumida, e con taxas moi elevadas.
"No 20 % dos casos conducían cometendo un delito contra a seguridade viaria cunha taxa penal superior a 1.20 mg por litro", di Mario Sanz, Fiscal de Sala de Seguridade Viaria.
Un de cada cinco falecidos consumira drogas, fundamentalmente cocaína. Pero máis aínda aumentou o positivo por psicofármacos, e tamén dos que mesturan varias substancias.
"O 5 % dos falecidos mesturaban as tres cousas, e iso multiplica por 55 o risco de accidente", advirte o Fiscal.
En canto aos peóns atropelados, un de cada dous deu positivo, un 8 % mais ca en 2024. A maioría tamén eran homes e, neste caso, a incidencia dos psicofármacos superou a do alcol.