Día grande nas vilas mariñeiras para celebrar o Carme
É a patroa dos mariñeiros, e na súa honra celébranse procesións e ofrendas
A imaxe repítese en case calquera vila mariñeira, na festa do Carme: barcos de gala, e veciños e veciñas tamén. É o día de celebrar a patroa e protectora da xente do mar.
"É un día especial, aquí e no mar, que se cadra te acordas máis da Virxe no mar", di un mariñeiro en Aguiño. "Para un mariñeiro representa todo porque é a nosa patroa, é un día moi grande", di outro en Cabo de Cruz.
Vívese con devoción unánime entre os mariñeiros, e tamén entre os que non traballan no mar: cada ano estas celebracións atraen centos de turistas. E o programa da festa é o tradicional nun día coma hoxe: procesión a pé, salve mariñeira, misa e embarque para sacar navegar a santa.
A procesión marítima, coa homenaxe aos falecidos no mar, é o momento máis celebrado e máis emocionante da xornada.
"É unha cousa moi emotiva para a xente que perdeu familiares no mar, porque a xente recorda", di un veciño de Cabo de Cruz.
É o día da estrela dos mares, e tamén de celebrar a festa das Carmes, Carmiñas e Carmelas.