Publicador de contidos

Publicador de contidos

A macrorredada no maior supermercado da droga en Santiago remata con 5 detidos e 40.000 euros incautados

A macrorredada no maior supermercado da droga en Santiago remata con 5 detidos e 40.000 euros incautados

Realizáronse rexistros en varias vivendas do coñecido como Banco do Pobre

Un dos detidos foi enviado a prisión e os outros catro quedaron en liberdade con medidas cautelares

Tras esta actuación, a Policía Nacional dá por desarticulada esta organización

G24.gal 16/07/2026 14:53 Última actualización 17/07/2026 16:39

A maxistrada da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Santiago, praza 2, acordou o ingreso en prisión dos detidos no operativo contra o tráfico de drogas en Santiago. Os outros catro arrestados quedaron en liberdade con medidas, segundo informa o TSXG.

A macrorredada antidroga levada a cabo pola Policía Nacional o pasado 15 de xullo no coñecido como Banco do Pobre, en Santiago de Compostela, supuxo a detención de cinco membros dun clan familiar, nunha operación na que se incautaron máis de 40.000 euros, cocaína, marihuana e haxix.

Segundo informa a Policía nun comunicado, nesta operación fixéronse tres entradas e rexistros en domicilios, nunha investigación xudicializada meses antes no marco dun plan contra o tráfico minorista de drogas.

En concreto, estas cinco persoas foron detidas por supostos delitos contra a saúde pública, branqueo de capitais e organización criminal, quen presuntamente fornecían droga polo miúdo a numerosos toxicómanos da contorna de Compostela.

A vivenda principal de planta baixa dispoñía de grandes medidas de seguridade, con dous enreixados exteriores con pechaduras de seguridade diante da porta principal blindada "para dificultar o acceso rápido á vivenda".

De feito, foi necesario a súa apertura con medios especiais do Grupo Operativo Especial de Seguridade (GOES). Ademais, dispoñía dunha fiestra traseira con enreixado a pé de rúa para facilitar a entrega inmediata aos consumidores, nunha zona oculta de difícil acceso e con pouca visibilidade exterior, o que dificultaba as medidas de investigación policial.

Tras esta actuación, a Policía Nacional dá por desarticulada a esta organización. As intervencións inclúen: máis de 100 doses de substancias estupefacientes, entre cocaína, marihuana e haxix; máis de 40.000 euros (gran cantidade de bolsas de moedas); dúas básculas de precisión; teléfonos móbiles e de dous vehículos de alta gama.

A investigación foi realizada polo grupo de Estupefacientes da Brigada Local de Policía Xudicial, coordinados con outras unidades policiais da Comisaría de Santiago, da Brigada de Seguridade Cidadá. Tamén participou a Unidade de Prevención e Reacción nos dispositivos de entrada, detención e rexistro, onde se utilizaron de apoio, os guías caninos da Brigada de Seguridade cidadá da Coruña, o GOES Galicia e o helicóptero.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade