Comisan en Meis cinco plantas de marihuana e máis de 600 gramos de cogollos
Os axentes, que foron alertados por un veciño sobre o forte cheiro, comprobaron que a leira dispoñía dun enganche ilegal coa rede eléctrica
O dono, un home de Meis de 34 anos e con diversos antecedentes policiais, está investigado por un delito de tráfico de drogas, con elaboración e cultivo
A Garda Civil de Cambados interveu cinco plantas de marihuana e un total de 608 gramos de cogollos nunha leira situada no termo municipal de Meis. Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, a intervención produciuse o pasado domingo tras recibir unha alerta dun cidadán sobre un forte cheiro posiblemente a marihuana.
Desde a parte de fóra da leira, os axentes observaron na parte posterior un tubo metálico que sobresae ao exterior, o cal pode tratarse dun sistema de extracción, que é necesario para o cultivo de cannabis sativa en interior.
Tras entrevistarse co propietario, os axentes localizaron as plantas de cannabis e a substancia xa colleitada e disposta en forma de cogollos. Así mesmo, os axentes comprobaron que a leira dispoñía dun engache ilegal á rede eléctrica.
A substancia intervida e as plantas que foron incautadas serán remitidas a Sanidade Exterior para a súa correspondente destrución e continúanse as actuacións correspondentes para o esclarecemento dos feitos e a determinación das posibles responsabilidades.
O propietario, un home de Meis de 34 anos e con diversos antecedentes policiais, da plantación indoor está investigado por un delito de tráfico de drogas, con elaboración e cultivo. As dilixencias foron enviadas ao Tribunal de Guardia de Cambados.