Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denegan o desbloqueo das contas a un investigado polas 3,6 toneladas de coca comisadas na Pobra

Denegan o desbloqueo das contas a un investigado polas 3,6 toneladas de coca comisadas na Pobra

Droga comisada na Pobra do Caramiñal en setembro de 2025 Droga comisada na Pobra do Caramiñal en setembro de 2025
G24.gal 31/08/2026 11:20

A Audiencia Provincial da Coruña denegou o desbloqueo das contas bancarias a un investigado polas 3,6 toneladas de cocaína comisadas en setembro do pasado ano na Pobra do Caramiñal e que chegaron nun narcosubmarino. 

O investigado recorreu o auto ditado o 21 de xaneiro polo Tribunal de Instancia de Muros, que denegou o desbloqueo das súas contas bancarias. No seu recurso alegaba que tanto el como a súa parella non estaban inmersos na causa e que o seu único medio de vida era a pensión que percibía.

Agora, a Audiencia Provincial considera que concorren os requisitos necesarios para manter esta medida cautelar, acordada durante a instrución da causa, ao entender que existe un "perigo real e inminente" de que poidan producirse transferencias de diñeiro ou mesmo a súa desaparición. A Sala sinala que o bloqueo resulta necesario para garantir a efectividade dun eventual comiso.

Así mesmo, indica que esta medida é proporcional á gravidade do presunto delito contra a saúde pública cometido polo recorrente, así como de idónea para evitar a desaparición de diñeiro que puidese ter unha orixe ilícita. Tamén apunta que o bloqueo permite evitar a desaparición de probas sobre a orixe ilícita do diñeiro.

A resolución engade que a defensa non achegou documentación que acreditase que na conta bloqueada se ingrese unha pensión non contributiva, como sostiña no seu recurso.

A operación Saona produciuse en setembro do pasado ano tras comisar un alixo de 3.650 quilos de cocaína na Pobra do Caramiñal, que chegaron á costa galega nun semisumerxible. O operativo saldouse cun total de 14 detencións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade