A veciñanza da rúa Florentino Cuevillas de Ourense está farta do tránsito de coches na zona restrinxida ao tráfico
A veciñanza da rúa Florentino Cuevillas de Ourense está farta do tránsito de coches na zona restrinxida ao tráfico
Os veciños da rúa Florentino Cuevillas, no centro da cidade de Ourense, quéixanse do acceso continuo de vehículos nunha zona coa circulación restrinxida
Reclámanlle ao Concello máis control policial e a instalación de cámaras de vixilancia para reducir o tráfico nunha rúa que debería ser semipeonil
A rúa semipeonil Florentino Cuevillas, que comunica as rúas Sáenz Díez coa avenida da Habana, ten moito tránsito de peóns e desde hai un tempo agora tamén de vehículos.
Un veciño da rúa Florentino Cuevillas gravou hai un días un vídeo para denunciar a presenza continua de coches aparcados e mesmo circulando. E así de chea estaba esta mañá esta rúa con tráfico restrinxido, no centro de Ourense.
"Aquí aparcan os coches, pasan os que non viven por aquí a toda velocidade, cando está prohibido pasar a máis de 20 e soamente é para os veciños de aquí, e logo queres entrar nos garaxes e están sempre coches aparcados diante", conta un veciño da rúa.
"Esta sendo unha das primeiras rúas de Ourense peonil converteuse nunha rúa practicamente como a rúa do Progreso ou a Avenida da Habana", explica Daniel Pousada, o presidente, da comunidade de veciños de Florentino Cuevillas.
"O problema é que moitos deles xa non están parados, e circulan e ás veces, mesmo a certa velocidade", di un veciño.
"Eu levo aquí ano e medio e é tan habitual ver pasar coches, que eu non sabía que era peonil", asegura outra veciña que ten un bar nesta rúa.
A veciñanza di que está farta do ruído e da continua presenza dos coches:"Xuntámonos todos os presidentes das comunidades e decidimos facer un escrito ao Concello hai un mes e medio, non tivemos contestación" explica Daniel Pousada, o presidente da comunidade de veciños de Florentino Cuevillas
"Pedimos que nos escoiten o escrito que se fixo ou simplemente que veñan media horiña unha mañá e que vexan como está isto"
Ademais pídenlle ao Concello outras medidas que, din, poderían axudar a solucionar o problema do tráfico, como mellorar a sinalización da rúa, máis control policial ou a instalación de cámaras de vixilancia.
A rúa semipeonil Florentino Cuevillas, que comunica as rúas Sáenz Díez coa avenida da Habana, ten moito tránsito de peóns e desde hai un tempo agora tamén de vehículos.