O río Limia baixo mínimos: a falta de chuvias deixa treitos sen auga ao paso por Xinzo
Segundo os datos da estación da AEMET, en Xinzo só choveron 12 litros por metro cadrado, fronte aos 90 de media histórica, un 87 % menos do habitual
Con todo, o Limia é un río que adoita levar pouco caudal e non é a primeira vez que queda sen auga
A seca e a falta de chuvias no mes de outubro nótase nos caudais dos ríos da provincia de Ourense. O máis sorprendente é a imaxe do río Limia ao seu paso por Xinzo, onde hai treitos do leito completamente seco.
Unha situación que chama a atención da veciñanza mesmo neste río que adoita levar pouca auga, pero xa había tempo que non estaba con tan pouca. Manola e María aínda lembran outro Limia.
"Home, era máis estreito e levaba máis auga agora é unha miseria".
"Hai moitos anos había moita, moita auga. Recordo cando era unha rapaza, pero agora non, non".
En Xinzo de limia, outubro deixou apenas doce litros de chuvia por metro cadrado, fronte aos 90 de media histórica. Esta falta de precipitacións agrava a escaseza de caudal. Con todo, a veciñanza que coñece ben este río está acostumada a velo seco.
"Non é algo que me sorprenda de que esté nesta situación", apunta outro veciño de Xinzo.
O caudal ecolóxico do Limia está baixo minimos, queda algo de auga estancada onde andan os patos. Pero é que choveu un 87 % menos do habitual nesta estación.
"Tódolos veráns está seco,l e este ano máis porque non hai auga, non chove e aínda hai menos, mira que pinta ten, que xa estamos en novembro e non hai nin unha gota", asegura María, veciña de Xinzo de Limia.
"Claro é que levamos moito tempo sen chover. Que Deus nos mande unha auguiña, se non imos secar os de Xinzo", di Manola.
Son os efectos da seca, e outono avanza e as chuvias seguen sen chegar. Ademais do Limia tamén hai treito secos como o Barbaña ao seu paso pola cidade de Ourense.