Casas en ruínas apuntaladas no centro de Lugo xeran preocupación veciñal
Refórzase a seguridade da casa apuntalada na Praciña da Universidade tras desprenderse parte da cornixa
Veciños e hostaleiros agardan avances na restauración do edificio cuxo valado ocupa parte da praza do Campo
As edificacións en estado de ruína ou en grave risco de deterioración afectan a imaxe urbana e poden poñer en risco seguridade das persoas viandantes.
A preocupación reavivouse entre a veciñanza da Praciña da Universidade tras o desprendemento de parte dunha cornixa dunha casa ruinosa que leva anos apuntalada, que conta cun longo historial de incidentes graves.
"Primeiro foi unha casa que foi ocupada á que lle prenderon lume" explica un dos residentes da rúa, "o que deixou o inmoble en moi mal estado"...
"Tras o incendio, os problemas seguiron pola caída de pedras e parte da fachada", explica.
Un risco do que leva tempo advertindo a asociación de veciños Centro de Lugo, que reclama unha solución definitiva para este edificio, do que se reforzou a seguridade tras o último incidente.
O vicepresidente do colectivo, José Castro, quen recorda que o Concello posúe un piso en propiedade na edificación, amósase hoxe máis tranquilo pola última intervención, tras ser retirada a cornixa afectada. Con todo, sinala as fendas que ten a fachada e "aínda que confiamos nos técnicos, unha certa inquedanza tamén queda", recoñece.
Outra das casas sinaladas ocupa parte da praza do Campo e xera tamén queixas e preocupación de veciños e hostaleiros, que agardan avances na súa restauración.
"Cando caeu a cuberta deste edificio xusto estabamos na casa e oímos o golpe e todo o que se montou" recorda un dos veciños do edificio que está en fronte.
"Asusta un pouco, porque a distancia na rúa é estreita e se cae todo pode afectar o teu propio edificio", di un veciño da praza do Campo.
Outra veciña sostén que é "unha pena, porque Lugo é unha cidade moi guapa e estas cousas non axudan nada", mentres un dos hostaleiros pon o acento na "mala imaxe, con todos os rehabilitados ao redor" polo que valora ben que se poña en marcha o proxecto de restauración, tras anos de molestias.
Fóra do centro histórico hai outros exemplos de casas apuntaladas ou valadas que xeran críticas, como acontece na rúa dos Paxariños.