Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un grupo de pegas bombardea con excrementos os coches que aparcan nun barrio de Vigo

Un grupo de pegas bombardea con excrementos os coches que aparcan nun barrio de Vigo

Os paxaros andan entre as árbores que cobren unha zona de estacionamento na parroquia de Lavadores

Os residuos das aves conteñen substancias que poden causar danos na pintura dos automóbiles

G24.gal 23/12/2025 14:02

"Se aparcas aí, xa sabes...". Podemos escoitalo en moitos lugares de Galicia. En Vigo, seguro, na rúa Portela, no barrio de Lavadores. Trinta árbores danlle vida e sombra a unha pequena zona de aparcadoiro, pero tamén pequenos desgustos aos condutores. Moi pequenos pero moitos. Un grupo de paxaros, sobre todo pegas, fixeron do arboredo o seu fogar e debaixo, claro, están os coches. Cada mañá os vehículos aparecen cheos de excrementos. Hai ducias de marcas, tamén salpicando todo o chan.

"Pos o coche debaixo e aparéceche cos efectos dos animais, está claro", asume un veciño.

"Xa ves, hai algún que está perdido", sentencia unha muller que traballa nesta mesma rúa.

"Pois a min non me parece correcto que a xente se estea queixando dos paxaros, que teñen dereito a facer as súas necesidades ao igual que unha persoa, onde van ir?", pregúntase outra veciña.

O certo é que a maioría dos condutores xa asume a situación. Algún cóntanos que leva auga no coche para limpar rapidamente as manchas. Neste asunto, o tempo é fundamental. Os excrementos dos paxaros, como as pombas ou as gaivotas tamén, conteñen substancias que poden estragar a carrozaría dos automóbiles.

"Tes que limpalo rápido porque, se non, chímpate a pintura", advirte entre risas un condutor.

"Onde vivo eu tamén pasa. Non aparco nunca, é imposible. Se o deixei algunha vez foi por desesperación porque non había sitio pero xa sabes que serán dous euros de lavado ao día seguinte", confirma outro home que vén buscar un familiar.

"Canto antes o quites, mellor. E, se non, usar un trapo mollado para quitar os excrementos máis grandes. Porque como o deixes unha noite, por exemplo, no garaxe, sobre todo se é no capó do motor, iso é o peor que hai. Porque coa calor iso queda torrado e queima o verniz da pintura", explica José Carlos Sánchez, do Garaje Venezuela 45, un lugar frecuente para o lavado de coches en Vigo.

Porque se se fai a tempo, limpar os excrementos dos paxaros é moi doado. Chega con usar auga e desengraxante. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade