Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha londra leva días deixándose ver pola lonxa de Malpica

Unha londra leva días deixándose ver pola lonxa de Malpica

Está ferida e busca alimento, por iso intentarán collela para levala a un centro de recuperación

G24.gal 27/02/2026 16:55

Unha visitante inesperada leva varios días aparecendo no peirao de Malpica. Trátase dunha londra que se deixou ver pola lonxa da localidade, especialmente ás noites e á primeira hora da mañá.

"Leva visitándonos na lonxa uns cantos días. Xa é habitual, sempre a vemos así cara os tempos do inverno, sempre aparece. E a verdade é que se deixa ver mais ben polo porto, non? Sempre arrapiñando, bueno, pois os restos que hai e demais".

A pesar de que se deixou alimentar por algúns dos clientes e traballadores da lonxa, aqueles que a viron contan que normalmente foxe das persoas.

Con todo, aos poucos días do primeiro avistamento apareceu cunha ferida na cabeza e, dende entón, volveuse máis receptiva ao contacto humano.

"Sorprendeunos que, esta semana, parece ser que ten un golpiño na cabeza e estaba un pouquiño mais receptiva á xente. E, nada, o de sempre, os compradores e os mariñeiros tiráronlle un xureliño e parece que estaba mais receptiva". "O que nos trasladaron os expertos foi que seguramente está débil e por iso busca alimento tan fácil agora mesmo".

Polo momento non se sabe que lle causou a lesión. O obxectivo é recollela o antes posible para trasladala a un centro de recuperación onde poida ser tratada.

Outra incógnita é se se trata da primeira visita do espécime, pois non é a primeira vez que unha londra aparece na lonxa de Malpica durante o inverno.

"Falamos co centro de recuperación de fauna e animais, e a ver se somos capaces de collela e veñen por ela para tratala". "A nós, parecer, parécenos a mesma polo tamaño e demais. Pero, ben, é habitual que haxa moitos animais. Tanto londras como corvos mariños, o ano pasado tamén detectamos un corvo mariño aquí nas escaleiras da lonxa. Tamén falamos co centro de recuperación de fauna e, bueno, sempre estamos colaborando, é dicir, os mariñeiros sempre teñen avistamentos e de mais e estamos en plena colaboración coas autoridades".

Iso si, independentemente de se é a mesma doutros anos, foi recibida coa mesma expectación pola xente de Malpica. Tanta que algún mesmo lle deixou algún resto de peixe entre as rocas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos