Publicador de contidos

Publicador de contidos

Baixan as temperaturas este martes en Galicia: desactívanse os avisos laranxa e vermello

Baixan as temperaturas este martes en Galicia: desactívanse os avisos laranxa e vermello

Manterase o nivel amarelo no centro de Lugo, montaña de Lugo e Ourense, noroeste de Ourense e interior de Pontevedra

Rueda chama "á prudencia e á racionalidade" no uso da auga

As igrexas, entre os espazos da cidade onde aliviarse da calor

directo Europa Press//Imaxe en directo da cámara da CSAG en Sanxenxo
G24.gal 06/07/2026 18:23 Última actualización 06/07/2026 22:46

O episodio de calor mellorará de forma considerable este martes en Galicia e xa non haberá zonas en nivel laranxa nin vermello na comunidade, segundo anunciou a Xunta.

O Goberno autonómico, á vista dos datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, sinala que se manterá o nivel amarelo nas zonas do centro de Lugo, montaña de Lugo, noroeste de Ourense, montaña de Ourense e interior de Pontevedra.

Ribas de Sil marcou a temperatura máxima deste luns en Galicia con 42 graos. Tamén rebasaron os 40 graos en Ourense, Monforte de Lemos, Leiro o Pantón. Na costa a entrada da néboa fixo de refresco e aliviou os termómetros.

A Xunta mantivo este luns a alerta vermella polo episodio de calor en 46 municipios de Galicia. ​​​​​​

No caso da capital lucense, os termómetros rozaron os 40 graos, co conseguinte risco sanitario. Para combater as altas temperaturas, foron milleiros as persoas que optaron por refrescarse no río ou nas piscinas.

"Temos jacuzzi, hai tobogáns e hai fervenzas. E a temperatura da auga xa está preparada para estes rigores de calor que padecemos", sinala Moncho Busto, directivo do Club Fluvial de Lugo

Cubrir a cabeza cunha gorra ancha, buscar a sombra das árbores e hidratarse con frecuencia son algúns dos consellos básicos para evitar que a calor extrema chegue a afectar a saúde.

"Con esta calor hai que estar moito máis atentos. É moi importante que os bañistas estean ben hidratados, que usen a crema solar e que se refresquen", indica o socorrista Anxo López.

A Xunta desactiva para este martes a alerta vermella por calor

Os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia reflicten unha baixada de temperaturas para este martes, polo que a Administración autonómica rebaixou os niveis de alerta e mantén unicamente alerta amarela no centro e montaña de Lugo, noroeste e montaña de Ourense e no interior de Pontevedra.   

Rueda chama "á prudencia e á racionalidade" no uso da auga

O presidente da Xunta fixo un chamamento este luns "á prudencia e á racionalidade" no uso da auga, sobre todo polas altas temperaturas destes días e ante a ausencia de previsión de precipitacións.

Tras a reunión semanal do Goberno galego, Rueda dixo que en caso de continuar con esta situación meteorolóxica a Xunta non descartaría "nalgún momento" emitir unha prealerta por seca onde teñen competencias que é a conca Galicia Costa, polo que insistiu na necesidade de facer un uso racional e medido da auga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade