Buscan un picarrodas que estragou máis dunha ducia de coches en Padrón
A primeira vez picou as rodas de cinco coches aparcados nunha praza na mesma noite, e repetiu un mes despois
A investigación está moi avanzada, tras sete denuncias e con máis coches estragados
Un home sinala as tres rodas do coches picadas. Non é un caso illado. É un modus operandi que se repite en Padrón.
"É unha cousa coma se fora a agulla dun zapateiro. Picadiñas polo lateral da roda, moi finiñas", indica na propia roda un afectado.
"É unha picada moi pequena, que case nin a atopa o do talle,r e normalmente nos mesmos lugares. Xa leva meses con isto", confirma Jesús Rey, o xefe da Policía Local de Padrón.
O picarrodas actuou por primeira vez hai un par de meses, nunha praza apartada do centro en que aparcan os veciños das casas que están arredor.
"Todas as rodas estaban picadas. Todas! Os nosos eran tres coches, os do veciño, dous. Un aínda ten as rodas picadas, que non llas cambiaron", sinala outra veciña.
Cinco coches nunha noite pero houbo segunda parte. Mesma praza, mesmos coches e mesmos afectados.
"Ao mes seguinte, volveron", engade a mesma muller.
"Aí xa nos chamou moito máis a atención porque era o mesmo sitio, xusto un mes despois, aos mesmos coches e aos mesmos veciños. Xa foi cando investigamos e soubemos que noutros puntos, preto, pero do concello e tamén nos concellos veciños, houbera máis casos", explica a filla.
Pasou en Pontecesures, e en Valga a un veciño picáronlle as rodas dun coche á porta da casa e as do outro en Padrón. Non parece casualidade. De momento, hai sete denuncias, pero moitos máis coches estragados e non só nas rodas.
"Metéronlle escarvadentes e Loctite na fechadura e agora a fechadura quero meter a chave e nin sequera entra", lamenta outra vítima.
Agora o picarrodas cambiou de banda do río e esta mesma fin de semana, cando se volvía cumprir o mes, a vítima foi un hostaleiro. Pechou o local e atopou o percal.
"Á unha e media da mañá, cando saímos do local para ir para a casa, atopei o coche con tres rodas desinchadas de todo e unha delas a medio desinchar. O peor é que pican as rodas polo lateral e non valen para parchear. Hai que cambiar as catro rodas", quéixase o dono do Bar Noroeste.
A investigación está moi encamiñada, só pendente de atar algún cabo.