Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un xabaril mata un can en Vigo e os veciños temen que algún acabe atacando as persoas

Un xabaril mata un can en Vigo e os veciños temen que algún acabe atacando as persoas

O dono do cadelo intentou salvar a súa mascota, pero os animais foron por el

A presenza dos porcos bravos é habitual dende hai meses na parroquia de Sárdoma

G24.gal 24/12/2025 14:26

Os xabarís convertéronse en veciños non desexados na parroquia viguesa de Sárdoma. A presenza dos porcos bravos leva meses sendo habitual na zona que cruza o río Lagares e os residentes xa avisaron varias veces ás autoridades.

Pero a preocupación foi a máis despois de que un destes animais matara o cadelo dunha familia co que se atopou nunha leira.

"Eran as cinco e media da tarde e sacara os cans a pasear aquí enfronte. De súpeto, apareceron uns xabarís e atacaron ao can. Eu intentei chegar xunto deles pero viñeron a por min e tiven que saír correndo", relata Santiago Miguel, o propietario do canciño.

Son moitos os veciños de Sárdoma que teñen visto algún xabaril. Agora, piden que se organice algunha batida para afastar os porcos bravos das zonas polas que se move a xente.

"Que veña alguén e quite isto de aquí porque é un perigo. Vémolos deseguido", asegura un veciño.

"Polo paseo ou na igrexa, si. Vense moi habitualmente", afirma outro home.

A xente teme, sobre todo, polos nenos. Por se algún xabaril chega a enfrontarse con algún cativo. É o que máis lle preocupa a Karla Domínguez, que gravou co teléfono móbil varias veces os xabarís, pola rúa ou, directamente, metidos na leira dos seus veciños.

"Eu graveinos ás seis da tarde, ás nove da noite, ás tres da madrugada... Teño un neno de catro anos, vivo nunha calella, que non ten saída. E eu cando saio teño que facer ruído por se andan por aquí", explica.

Como noutros lugares de Galicia, a presenza dos xabarís volveuse frecuente en diferentes zonas da área de Vigo. Tamén na propia cidade, incluso en zonas semiurbanas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade