Morren afogados catro cans de caza ao caer ao canal dunha central hidroeléctrica en Vimianzo
Os cazadores de Baíñas denuncian que varias zonas do canal de Carantoña carecen de malla de protección
Foi un sábado negro para a cuadrilla de caza de Baíñas. Saíran á batida do xabaril por Carantoña, e xa estaban tentando recuperar os cans cando viron a última localización do GPS que levan no colar: marcaba á beira do canal da central hidroeléctrica, así que presentiron a traxedia.
"Os cans veñen tras do xabaril, que vai moi pegado o canal, así que o can vai correndo detrás del", explica Guillermo Caamaño, cazador de Baíñas. Conta que viron claro que os cans caeran á auga.
É o canal entre a presa e a central hidroeléctrica de Carantoña. Ten varios quilómetros e, en moitas zonas, vai sen protección. "Simplemente hai rede nos pasos das pontes, pero os outros están sen rede, está todo desprotexido", explica o presidente do Tecor de Vimianzo, Juan Carlos Amado. As beiras non teñen valado, así que "pode pasar un animal ou caer unha persoa ao canal", di.
É fondo e leva forza, así que intuíron que os cans non darían saído. Xa foron buscalos directamente ao filtro que hai antes da central. "Un can xa estaba fóra, outro viña aboiando por aquí e outro freou na reixa. Recuperamos tres e a outra no río, a tres quilómetros de aquí", conta Guillermo. Di que os animais non tiveron posibilidade de sobrevivir.
"O que cae aquí ten sentenza de morte, non vai saír vivo. Se non morre aquí, morre máis arriba, con estes remuíños e a forza que trae a auga é imposible", explica.
É unha perda grande para os donos e para a cuadrilla. Estes cans que morreron eran bos rastrexadores do xabaril.
"Custa moito chegar a ter un can desas características, que faga o que fai ese can -di o presidente do Tecor-, por iso para os cazadores teñen moito valor os cans, porque son moitas horas de monte".
Non hai indemnización que cubra iso, pero presentaron denuncia polo sinistro, sobre todo -din- para poñer en evidencia os riscos e forzar o valado do canal.