Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio nun edificio de Mugardos obriga a confinar os seus veciños durante a extinción

Un incendio nun edificio de Mugardos obriga a confinar os seus veciños durante a extinción

O lume comezou nos rochos do inmoble e provocou importantes danos materiais tamén nunha dependencia próxima

G24.gal 13/05/2025 14:43

Os veciños dun edificio de Mugardos foron confinados este martes durante as tarefas de extinción dun incendio orixinado nos rochos do inmoble, comunicou a Axencia Galega de Emerxencias.

O 112 sinalou que o Grupo de Emerxencias Supramunicipal mugardés e efectivos do parque de bombeiros comarcal do Eume acudiron ao momento para axudar na ventilación das casas.

O suceso transcendeu ao redor das 11:15 horas, cando varios particulares alertaron ao 112 Galicia pola saída de fume da zona de rochos do edificio, situado na rúa Alexandre Bóveda, aínda que xa indicaron entón que non había persoas afectadas polo incidente.

A Policía Local de Mugardos confirmou que os veciños estaban confinados nas súas vivendas durante a extinción e detallou que no seu garaxe había varios vehículos, pero tampouco se viron prexudicados polo incendio.

O 112 Galicia informou a Garda Civil sobre estes feitos, acaecidos nun inmoble con case unha trintena de casas e que causaron importantes danos materiais nos rochos e nunha dependencia próxima.

Fontes municipais precisaron que un vixilante da confraría de pescadores da vila sumouse ao operativo e que as chamas quedaron extinguidas pouco antes das 12:00 horas. Logo houbo que esperar a que se alcanzasen niveis óptimos de dióxido de carbono para autorizar o regreso á normalidade no edificio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade