Controlado un incendio forestal que chegou a ter ata cinco focos en Monforte
Estabilizado outro incendio na Mezquita tras calcinar máis de 30 hectáreas

O servizo de extinción de incendios da Consellería do Medio Rural deu por controlados nas últimas horas dous incendios que arrasaron algo máis de 18 hectáreas de terreo nos municipios lucenses de Pantón e Monforte de Lemos, na Ribeira Sacra.
O incendio que se produciu na parroquia monfortina de Seoane arrasou un total de doce hectáreas de terreo, das cales dous se consideran superficie forestal e as outras dez agrícola.
O lume quedou controlado ás 20:30 horas deste luns, grazas á intervención de nove axentes, 8 brigadas e dez motobombas. O lume chegou a ter ata cinco fotos diferentes, polo que todo apunta á súa intencionalidade.
En canto ao incendio que se produciu na parroquia de San Vicente de Castillón, no municipio de Pantón, o lume queimou de momento unha superficie de 6,26 hectáreas.
Aínda que os medios tamén seguen traballando no punto, o lume quedou controlado ás 23:13 horas.
Nos traballos de extinción participaron cinco axentes, dúas brigadas, cinco motobombas e un técnico, ademais de medios aéreos: 5 avións e 6 helicópteros.
Estabilizado outro incendio na Mezquita tras calcinar máis de 30 hectáreas
O incendio forestal de Chaguazoso, na Mezquita quedou estabilizado ás 8:50 tras queimar máis 30 hectáreas de superficie, segundo informou a Consellería do Medio Rural.
O lume, sinala un comunicado, iniciouse ás 19:46 do martes e para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 5 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
A Xunta lembra na nota que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 ao que chamar en caso de detectar algún lume.