Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio provoca cuantiosos danos nunha granxa de Bacurín, en Lugo

Un incendio provoca cuantiosos danos nunha granxa de Bacurín, en Lugo

Arderon medio cento de rolos de herba seca, unha carretilla telescópica, un autocargador picador e parte da cuberta da palleira

A maior parte das perdas corresponden á maquinaria calcinada polas altas temperaturas
Félix Aragunde. Imaxes: Jorge Pereira. 21/05/2026 12:43

O lume arrasou parte das instalacións dunha explotación gandeira da parroquia de Bacurín, en Lugo. Os bombeiros da propia capital lucense foron os encargados de sufocar as lapas, uns traballos que se prolongaron durante máis de tres horas debido á voracidade do incendio. 

"Estaba meu fillo facendo o carro e viu que empezaba a arder na palleira a máquina esa. Puxo unha mangueira, pero viu que non se daba apagado e chamou os bombeiros, que viñeron pronto. E aí pelexamos coa retroescavadora para sacar os rolos da palleira, que quedou moi mal na cuberta. Ata as tres da mañá estivemos todos colaborando", relata Gerardo Regueira Varela, dono da explotación gandeira. 

Os danos provocados polas lapas son cuantiosos. Arderon unha carretilla telescópica, un autocargador picador, parte da cuberta da palleira e medio cento de rolos de herba seca, todo valorado en arredor dun cuarto de millón de euros. 

"Perdéronse os rolos, a telescópica e a metade da palleira, onde hai que quitar a cuberta de fibrocemento. E as viguetas igual non valen, que o quentarse tanto o cemento estala. E o picador, que ardeu todo por un lateral", láiase o propietario da granxa.  

Polo momento, descoñécense as causas do incendio, pero non se descarta que se tratase dun curtocircuíto no manipulador telescópico, que quedou completamente calcinado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade