Denuncian unha vertedura de augas fecais na praia da Madorra, en Panxón
Os veciños din que o cheiro é insoportable dende hai máis dun mes
Hai bañistas que deixaron de ir ao areal polo risco de contaminación
Na praia da Madorra levan mais dun mes sufrindo esta vertedura. Din que o cheiro que sae do regato é insoportable polo que os veciños e os bañistas están indignados.
É unha praia familiar á que acoden con nenos. Están preocupados porque é insalubre e os pequenos xogan pegados ao regato. Non teñen dúbidas de que son augas fecais polo aspecto e porque crece a herba na mesma area.
Os veciños chamaron ao Seprona da Garda Civil e ao concello de Nigrán, que xa estiveron na praia. Din que a solución non foi a axeitada, eles cren que o problema é mais complexo, que vén dos sumidoiros.
Como non está sinalizada a vertedura, os veciños fixeron unha pintada no paseo para alertar do que pasa. Unha situación que afecta aos usuarios do bar que está nesta praia, coñecida por ser a praia dos Afogados da novela de Domingo Villar.