Publicador de contidos

Publicador de contidos

Terrazas e praias reviven co tempo solleiro

Terrazas e praias reviven co tempo solleiro

Temperaturas de 28 graos nas Rías Baixas animan a bañistas e paseantes

As previsións apuntan a que a situación anticiclónica continuará alomenos ata o vindeiro martes

G24.gal 11/10/2025 21:08

Coma se dun relato de William Faulkner se tratase, o longo e cálido verán resístese a deixar paso ao outono e moitos son os que están aproveitando as praias para revivir un segundo estío nos areais, especialmente no litoral das provincias de Pontevedra e da Coruña. 

Con temperaturas de ata vinte e oito graos nas Rías Baixas, o areal de Samil, en Vigo, rexistraba unha presenza de bañistas nada habitual para esta época do ano. E iso que segundo Meteogalicia, a temperatura da auga non superaba os catorce graos, só apta para verdadeiros valentes.

Pero se a calor deixaba un día ideal para achegarse ao mar, no interior de Galicia a xornada invitaba a todo agás a quedar na casa. As terrazas, a sobremesa e os paseos foron a segunda escolla preferida polos galegos hoxe. Con Pontevedra rozando os trinta graos e A Coruña con vinte e catro, os veciños de Santiago de Compostela botáronse ás rúas a desfrutar duns vinte e seis agradables e pracenteiros graos. Iso si, o outono asoma a patiña pola noite, cando as temperaturas caen á metade, polo que non convén deixar na casa a roupa de entretempo.

Para os amantes da canícula, Meteogalicia apunta un prognóstico solleiro polo menos ata martes, nun medio camiño entre un verán de San Miguel tardío ou un de San Martiño demasiado temperán que, en todo caso, cómpre aproveitar.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade