Froita de temporada: a mellor por sabor, prezo e calidades nutricionais
Estamos no tempo dos cítricos, as mazás ou os kiwis do país
Os froiteiros aconsellan a maduración natural e as colleitas de proximidade
Consumir froita sempre é un bo consello, pero mellor que sexa de temporada. As cámaras de maduración, os barcos e os avións permítennos ter cereixas de Chile ou melóns do Brasil en pleno inverno. Pero pode ser que o capricho nos saia insípido ou a prezo de ouro.
Recordan os froiteiros que a natureza é sabia e cada tempo ten a súa froita. Agora toca protexerse do frío coas vitaminas dos cítricos, as mazás, os caquis ou os kiwis do país.
E se precisamos antioxidantes, en vez de arandos do Perú a 20 euros o quilo, temos granada andaluza a 3. O caso, din aquí, é preguntar aos que máis saben pola alternativa máis sostible, saborosa e nutritiva de cada época do ano.