Comeza a tempada das cereixas, xa dispoñibles en froiterías e postos
Os mercados galegos dispoñen desta froita dende os 4 euros o quilo, con diversas procedencias
As cereixas figuran entre as froitas máis apreciadas desta época do ano. Aínda que a tempada comezou hai cuestión de semanas, nas froiterías xa hai unha ampla variedade, con producións chegadas dende múltiples zonas da Península. É o caso das aragonesas, a 11 euros o quilo, ou as estremeñas, dende os 4 con 50. Tamén as hai do Bierzo, cun prezo duns 7 euros.
"Hai quince días que estamos xa coa cereixa. Dispoñemos de tres calibres, o 24 e o 28 do Bierzo, e traballamos tamén coa cereixa de Estremadura", sinala José Iglesias, de Froitas Laurín.
"As primeiras, que empezaron a vir hai dúas semanas, son da zona de Jerte, en Cáceres, e están tendo bastante aceptación. É unha cereixa bastante doce, cun prezo duns 8,90 euros", engade Daniel Lamas, de Mercarabastos.
Nos postos ambulantes tamén comezan a estar dispoñibles as caixas de cereixas cacereñas, cun prezo de entre 6 e 7 euros en función do tamaño.
"Despois empeza a vir a cereixa do Bierzo, en breve a picota, que é un pouco máis doce. As primeiras sempre son un pouquiño máis ácidas, pero estas están saíndo bastante boas", engade o froiteiro Daniel Lamas.
Coa mellora do tempo, agárdase que cheguen aos mercados unha maior cantidade e variedade de cereixas no seu punto óptimo de madurez.