Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Estrada ofrece o seu amorodo dende o inverno

A Estrada ofrece o seu amorodo dende o inverno

En Berres producen este saboroso produto a maior parte do ano

O sabor do amorodo da zona dáse pola súa venda de proximidade, o que evita tempos de espera e cámaras de frío que poidan estragar o produto

G24.gal 26/04/2026 15:08

En Berres, na Estrada, a SAT Río Ulla leva corenta anos traballando as terras, e dende que empezou a cultivar amorodo, non parou de apostar por producir produto de seu. Tal foi o esforzo que xa conseguen subministrar este saboroso manxar mesmo en inverno, de novembro a xullo.

"A fresa no inverno en Galicia non compensa porque produce moi pouquiño, pero como nós temos venda directa a pouquiña que produce ímola vendendo aos poucos", comenta Raquel Touceda, de  Río Ulla SAT (Sociedade Agraria de Transformación).

Este ano a produción de amorodo na Estrada non se diferenciou moito do exercicio anterior, agás polo tempo que si condicionou os cultivos.

"Afectou moito o tempo porque cando tiñamos que estar traballando para a vindeira campaña non puidemos porque empezou a chover, e na terra se está chovendo o tractor non entra nas leiras" afirma Raquel Touceda.

Aínda que tiñan previsto sementar corenta mil plantas, o mal tempo impediuno e traballan coa metade para subministrar produto aos mercados da Estrada e a Merca Coruña, onde venden directamente. Ao ser un mercado de proximidade prescinden de cámaras de frío o que garante a calidade e outorga un selo único ao  seu amorodo. 

"Ti levas este amorodo que está recollido do día anterior, ou do momento, e aguántache perfectamente unha semana se o tratas ben. Non se che estropean como pasa coas de fóra", di a empresaria de Río Ulla.

Esta sociedade estradense vén de acadar un importante recoñecemento ao recibir un dos Premios Mulleres Femupo outorgados hai quince días en Pontevedra. Unha recompensa que chega a todos en forma dun amorodo saboroso e de calidade única.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos