Publicador de contidos

Publicador de contidos

A nai de Diego Bello revela no xuízo que seu fillo fora ameazado por un exgobernador filipino

A nai de Diego Bello revela no xuízo que seu fillo fora ameazado por un exgobernador filipino

"Estamos satisfeitos", di Pilar Lafuente tras declarar en Manila na causa contra os policías acusados do asasinato de seu fillo

G24.gal 16/01/2026 10:26 Última actualización 16/01/2026 11:56

A nai de Diego Bello, Pilar Lafuente, asegurou que están "satisfeitos" co desenvolvemento da vista este venres no tribunal en Manila que xulga a tres policías de matar a tiros o mozo galego en Filipinas en 2020, na que hoxe tivo que prestar declaración.

"Hoxe a sensación é que chegamos ao momento en que queriamos estar, para que nos escoitase a xuíza, neste caso, e poder achegar a información que levamos tempo gardando", dixo a EFE Lafuente ao saír do xulgado da capital filipina.

"Diego foi ameazado de morte polo señor Miguel Villafuerte", puntualizou Lafuente, en referencia ao entón gobernador da provincia de Camarines do Sur, membro dunha poderosa dinastía política filipina.

Bruno Bello, irmán de Diego, en declaracións ao informativo Bos días, de TVG, asegurou que fora "un momento moi duro, enfrontámonos cara a cara aos asasinos de meu irmán"

"Queremos que eles agochen a mirada, que saiban que estamos loitando polo meu irmán, e que non imos abandonar nunca", afirmou.

"A miña nai declarou moi ben, moi serena, contestando de maneira firme", explicou Bruno, quen relatou como no xuízo "saíu o tema da ameza de morte que recibiron Diego e o seu socio". "Foi o gobernador Miguel Villafuerte", dixo e abriu a dúbida de se os policías acusados estarán dispostos a aclarar se alguén máis que eles está implicado neste crime.

Tamén precisou que as preguntas dos letrados da familia centráronse na "honorabilidade de Diego" e en "defender" que "nunca tivo que ver con drogas nin tivo armas na súa posesión nin moito menos".

"Estamos contentos porque agora tense que dinamizar máis o xuízo", concluíu.

Bello morreu tiroteado o 8 de xaneiro de 2020 na turística illa de Siargao (sueste de Filipinas), aos 32 anos, nunha suposta operación policial antinarcóticos no marco da guerra contra as drogas do expresidente Rodrigo Duterte (que gobernou ente 2016 e 2022), agora detido e á espera de xuízo na Corte Penal Internacional da Haia.

Os acusados de dispararlle son o capitán Vicente Panuelos e os sarxentos Ronel Azarcón Pazos e Niño Boy Esmeralda, que estiveron hoxe presentes na sala. O pasado maio o Tribunal de Primeira Instancia Rexional de Filipinas denegoulles a liberdade baixo fianza porque "a evidencia de culpabilidade é sólida".

Nacido na Coruña en 1987, Bello chegou en 2017 a Siargao, na rexión meridional filipina de Mindanao, e decidiu quedar para construír unha vida arredor do surf, a natureza e a diversión que ofrece esta illa tropical.

Diego rexentaba unha discoteca, La Santa, e unha tenda de roupa. A parella de Villafuerte, a Miss Universo Filipinas Rachel Peters, rexentaba tamén un negocio en Siargao.

"A verdade é que estamos satisfeitos de como se desenvolveu a vista, e esperemos que isto acabe pronto", engadiu a nai de Bello, quen asistiu ao tribunal xunto ao pai do falecido, Alberto Bello, aínda que só testificou ela.

Lafuente tamén explicou como era a relación co seu fillo, as veces que lle visitou en Filipinas e o seu contacto con Diego os días previos á súa morte.

As ameazas de Villafuerte, membro da Cámara de Representantes de Filipinas, foran xa expostas, sen que se revelaron os posibles motivos.

Os axentes acusaron o español de ser un "narcotraficante de alto valor", e alegaron que deseñaron unha operación para detelo que acabou cun tiroteo despois de que supostamente se resistise e disparase contra os oficiais.

Con todo, un informe acusatorio da Oficina Nacional de Intelixencia filipina (NBI, polas súas siglas en inglés) desdeñou a versión oficial e acusou en 2022 a tres axentes policiais de asasinato.

Os acusados poderían enfrontarse a unha pena máxima de cadea perpetua de ser achados culpables, indicou a EFE Guillermo Mosquera, avogado da familia española, que asegurou que os pais de Bello e el volverán a Manila "unha ou dúas veces máis, seguro", ata que conclúa o proceso, cuxa data se descoñece. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade