Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os pais de Diego Bello declararán ante os seus asasinos: "Son eles os que teñen que agochar a cabeza"

Os pais de Diego Bello declararán ante os seus asasinos: "Son eles os que teñen que agochar a cabeza"

A próxima semana acudirán a unha vista centrada en defender a reputación de Diego fronte á montaxe urdida polos os policías acusados da súa morte 

G24.gal 09/01/2026 09:47 Última actualización 09/01/2026 10:55

Un oito de xaneiro, coma onte, hai seis anos, a familia Bello Lafuente recibía a peor das noticias, a morte do seu fillo Diego na illa filipina de Siargao. Foi tiroteado por tres policías ás portas da súa casa.

Durante este tempo, os seus pais e achegados loitan por desmontar a versión dos axentes que nun principio enmarcaban o asasinato nunha operación antidroga, versión que caeu polo seu propio peso.

Precisamente este xoves chegaban a Manila, a capital filipina, os pais de Diego, Pilar Lafuente e Alberto Bello. O próximo día 16 deben declarar nunha nova vista e antes tiveron que facer unha declaración xurada previa para ratificala posteriormente nesa vista.

"Estamos expectantes. A declaración xa a fixemos hoxe. Tivemos unha reunión cos nosos avogados. Acudimos a un notario para que dera fe de que o que se declarou era o correcto. Agora estamos á espera de que a parte contraria presente as preguntas que me van facer o 16 no xulgado", di Pilar Lafuente.

"Fai seis anos, pero realmente co proceso levamos tres xa, porque aquí as vistas non se celebran seguidas, senón unha cada mes. E ese é o motivo polo que se está alongando tanto, porque se fosen todas seguidas viñas para aquí un mes e estás ata que finaliza todo o proceso, pero non é así. Esta é a terceira vez que estamos neste país e vai ser a primeira vez que nos chamen a declarar e vai ser a segunda vez que nos topemos fronte a fronte cos asasinos de Diego", din.

"A declaración é para defender a honra de Diego, que non era un narcotraficante, que non era un consumidor de drogas, que non era posuidor de ningún tipo de arma, e que todo o que fixeron era unha montaxe", asegura Pilar.

"De feito que non os deixasen en liberdade condicional é un paso importantísimo para os nosos intereses. Está recoñecendo que mentiron e que crearon probas falsas", sosteñen.

Esa declaración sobre a reputación de Diego, cren que se ve referendada por outras que antes fixeron outras persoas como o alcalde do lugar onde Diego foi asasinado.

"O alcalde da zona declarou nun primeiro momento que non lle constaba ningún rexistro non que figurara Diego como narcotraficante", explican.

"Tiñamos medo que cando fose chamado ante un xuíz cambiase a súa declaración, pero non o fixo, mantívose na súa versión e volveu declarar o mesmo". "Tamén a doutora que fixo a autopsia volveu dicir o mesmo. E a dona da casa en que vivía Diego volveu repetir as súas declaracións, o que foi moi importante para que o proceso siga adiante".

A familia de Diego Bello cre que detrás do seu asasinato hai unha acción premeditada, xa que antes de producirse o suceso "foran ameazados de morte, el e o seu socio".

E segundo se aproxima ese día 16 no que se van ver na sala de vistas diante das persoas que mataron o seu fillo, asumen que "vai ser un momento moi duro, porque volvemos revivir o que vivimos día a día, pero enfronte de xente desprezable, uns asasinos. Pero tamén con moita forza, porque son eles os que teñen que agochar a cabeza, pero antes mirarnos aos ollos".

"A peor parte levouna Diego, evidentemente, pero eles teñen que pagar co cárcere o resto da súa vida, que é o que pretendemos chegar a conseguir. É como o sentimos, porque a vida da Diego non lla van devolver", di Pilar con rotundidade.

En canto ás expectativas sobre a finalización do xuízo, tendo en conta a situación da xustiza en Filipinas, din que "cabe a posibilidade de que nun ano ou ano e medio acabe todo o proceso e din que consideran que sería un éxito, un tempo récord en que cren que podería acabar este xuízo porque normalmente para empezar un xuízo poden pasar ata oito anos e hai casos en que nin se acaba".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade