Publicador de contidos

Publicador de contidos

Disparos no Senado filipino durante o operativo para deter o aliado de Duterte Ronald dela Rosa

Disparos no Senado filipino durante o operativo para deter o aliado de Duterte Ronald dela Rosa

Dela Rosa está atrincheirado na cámara desde o luns tras a orde de detención emitida pola Corte Penal Internacional

REUTERS/Eloisa Lopez
G24.gal 13/05/2026 16:54 Última actualización 13/05/2026 17:19

Os medios filipinos informaron este mércores de que se escoitaron varios disparos no Senado de Filipinas durante o operativo para arrestar o senador Ronald ‘Bato’ dela Rosa, atrincheirado na cámara desde o luns tras a orde de detención emitida pola Corte Penal Internacional (CPI).

As autoridades ordenaron o desaloxo dos xornalistas e empregados que estaban no segundo andar do Senado. Segundo os reporteiros presentes, escoitáronse polo menos dez disparos, aínda que polo momento non transcendeu a autoría.

“O Senado está a ser atacado. Por favor, axudádenos!”, publicou o propio Dela Rosa na súa conta de Facebook. Posteriormente, o presidente do Senado e tamén aliado de Duterte, Alan Peter Cayetano, tratou de rebaixar a tensión ao asegurar na mesma rede social que “polo momento todo o mundo está a salvo”.

Imaxes difundidas polos medios mostran efectivos das forzas de seguridade filipinas armados e equipados con cascos e chalecos antibalas no interior do Senado. Os accesos e saídas do edificio permanecen bloqueados polas autoridades.

A Policía Nacional informou de que está a avaliar a situación e indicou que, segundo as primeiras comprobacións, non hai vítimas. O organismo describiu o sucedido como un tiroteo dentro do edificio do Senado.

Dela Rosa négase a entregarse

Pouco antes, as autoridades comunicaran que ían deter “unha persoa”, sen ofrecer máis detalles. Mentres, descoñécese a situación exacta de Dela Rosa, exxefe da Policía Nacional durante a guerra contra as drogas do expresidente Rodrigo Duterte entre 2016 e 2022, actualmente detido na Haia á espera de xuízo.

O senador foi gravado entrando nun ascensor despois de que as autoridades ordenasen desaloxar o segundo andar do edificio. Horas antes fixera un chamamento á poboación civil para que se “reunise fronte” ao Senado co obxectivo de impedir un suposto plan de arresto que, segundo afirmou, debía executarse este mércores.

A prensa filipina tamén informou dun forte cordón policial arredor da cámara, onde os axentes controlaban os seguidores de Duterte.

Pola mañá, Dela Rosa descartara entregarse ao alegar que aínda dispón de recursos legais.

“Podo quedar aquí mentres siga sendo senador”, afirmou tras pasar a súa segunda noite no Senado, onde as detencións requiren autorizacións específicas.

A CPI relaciónao cos crimes da guerra contra as drogas

O luns, a CPI fixo pública unha orde de arresto, inicialmente clasificada como secreta, contra Dela Rosa. A corte considérao presunto “coautor indirecto” dos crimes cometidos durante a guerra contra as drogas impulsada por Duterte.

Segundo as autoridades filipinas, durante esa campaña morreron de maneira extraxudicial arredor de 6.000 persoas, unha cifra que organizacións non gobernamentais elevan ata 30.000.

A CPI sostén que Dela Rosa contribuíu de maneira esencial mediante declaracións públicas que “autorizaban, toleraban e promovían” os asasinatos. Ademais, asegura que animou os axentes a xustificar as mortes mediante “escenarios ficticios de defensa propia”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade